Ponte Caldelas acollerá no centro cultural da vila o programa “Desconexión” da Secretaria Xeral de Igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Centro de Información á Muller (CIM), dependente do Concello de Ponte Caldelas, e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia traerán o sábado 8 de marzo ao Centro Cultural o Programa Desconexión, especialmente dedicado a mulleres con fillos menores ao seu cargo.

Este programa consistirá nunhas xornadas de encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos, que se celebrarán o sábado 8 de marzo a partir do dez da mañá, e no que poderán participar mulleres con fillos menores ao seu cargo.

Esta actividade será gratuíta e inclúe a comida que servirá tamén para fomentar a convivencia entre os asistentes. Aínda que hai un total de 60 prazas, para poder participar desta experiencia e por motivos organizativos, hai que inscribirse previamente nas oficinas do Centro de Información á Muller, no Consistorio.

Nesta ocasión a Xunta escolleu o Centro de Información á Muller de Ponte Caldelas para desenvolver o Programa Desconexión, pero mantén aberta a participación non só aos residentes neste municipio senón que tamén poderán inscribirse aquelas persoas que estean empadroadas noutros concellos limítrofes.

Os talleres e actividades que se desenvolverán ao longo de todo o día 8 de marzo virarán ao redor da prevención da violencia de xénero e estará especialmente dirixido a mulleres con fillos menores ao seu cargo. Para iso, os monitores encargados de desenvolver esta actividade fomentarán a participación dos nenos entre si con xogos de convivencia, afecto, aproveitamento do tempo libre, etc.

Tamén se prevé a convivencia e participación conxunta entre nais e fillos así como a estimulación da interacción de todos os participantes dunha maneira entretida e divertida para profundar as políticas de igualdade, eliminación de comportamentos e roles sexistas.

Para inscribirse nestas xornadas deberán facelo no CIM de Ponte Caldelas e para maior información terán á súa disposición o teléfono 986 750013-ext. 4.

24 de xaneiro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.