Ourense adhírese ao programa Platea do Instituto Nacional de Artes Escénicas
O Concello de Ourense ven de solicitar formalmente a súa adhesión ao programa do Instituto Nacional de Artes Escénicas, PLATEA, Programa Estatal de Circulación de Espectáculos de Artes Escénicas en Espacios das Entidades Locais, formalizado o 8 de outubro de 2013 mediante a sinatura dun protocolo de colaboración entre o INAEM e a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias).
A finalidade do programa é impulsar a programación conxunta de compañías de artes escénicas por parte das entidades locais e o INAEM, reactivando e enriquecendo a súa programación cultural e artellando novos eixos de comunicación e colaboración e garantindo o acceso da cidadanía á cultura.
O Concello de Ourense e a Concellería de Cultura queren impulsar o Auditorio Municipal e a oferta cultural da cidade, ampliándoa e achegándoa á cidadanía, potenciado, ao tempo, a creación española e a diversidade de xéneros artísticos, fomentando a xestión autosostible dos teatros públicos de titularidade local e reforzando a profesionalización e especialización dos xestores culturais e programadores municipais.
O persoal da Concellería de Cultura está a elaborar a proposta de programación que abarcará dende marzo a decembro, cun mínimo de 4 representacións e un máximo de 15, de entre as ofertadas no catálogo do INAEM, nos eidos do circo, a danza ou o teatro, de grupos e compañías de comunidades autónomas distintas á galega.
Esta adhesión implica unha oportunidade para ampliar a programación cultural do Auditorio Municipal en canto a oferta e variedade para achegarse a tódolos públicos.











