Os vendedores ambulantes renovan o seu permiso para o mercadillo de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A práctica totalidade dos máis de 100 comerciantes ambulantes renovan estes días o seu permiso para ocupar un espazo no mercadillo de Ponte Caldelas, instalado na Alameda e as súas inmediacións e que se celebra desde data inmemorial os días 5 e 20 de cada mes. Con esta medida complétase o proceso de regularización desta actividade no municipio que se fixo por fases e que comezou en maio de 2012 coa aprobación polo Pleno da Corporación do Regulamento Municipal de Venda Ambulante. Posteriormente a principios de 2013 por primeira vez regularizouse xa a instalación dos vendedores ambulantes que pasaron a pagar a correspondente taxa instalándose un total de 110 postos. Todos estes postos cumpren cos requisitos legais para a venda ambulante.

Desde o pasado mes de decembro procedeuse ao trámite de renovación das autorizacións e tan só 2 dos 110 postos establecidos en Ponte Caldelas non renovaron para este ano 2014 o seu permiso para ocupar un espazo no mercadillo da vila tras aplicarse durante o pasado exercicio o Regulamento Municipal de Venda Ambulante, que fixa nun prezo de 50 céntimos por metro e día o posto na feira caldelense.

O Concello de Ponte Caldelas considera consolidado este proceso e regularizado dunha maneira non traumática co sector da venda ambulante. Desta maneira, todos os feirantes que instalan os seus postos no mercadillo de Ponte Caldelas contan, no seu caso, coa pertinente formación en materia de manipulación de alimentos, seguro de Responsabilidade Civil, pago de impostos, etc., tal e como sucede con calquera establecemento comercial non eventual.

A posta en marcha deste Regulamento supuxo a regularización dunha actividade que, co paso do tempo, converteuse nunha materia pendente para a administración local. Unha vez que o Concello de Ponte Caldelas dispuxo de Policía Local para poder realizar labores de control e vixilancia sobre o cumprimento do Regulamento Municipal de Venda Ambulante púidose afrontar esta tarefa. Ademais esta actividade supón para o Concello uns ingresos anuais que superan os 10.000 €.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción pola renovación da práctica totalidade dos vendedores ambulantes non só polo que representa de consolidación para Ponte Caldelas do seu mercadillo ambulante senón tamén pola tranquilidade que supón para o consumidor e usuario a regularización desta actividade, á vez que xera ingresos para as arcas municipais, tan necesitadas nestes tempos de crises.

O rexedor municipal tamén agradeceu o esforzo de operarios municipais e os propios vendedores ambulantes para que a aplicación do Regulamento Municipal de Venda Ambulante, unha ordenanza clara e acorde coas diferentes normativas existentes a nivel autonómico e estatal, non teña ningún problema de orde pública na súa aplicación.

20 de xaneiro de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.