Os veciños de Cedeira que se empadronen ou cambien de domicilio poderán tramitar as modificacións ante Tráfico ou no Concello
O Alcalde de Cedeira, Luis Rubido, anunciou esta mañá que o Concello vén de sumarse ao convenio suscrito entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio do Interior sobre o cambio de domicilio nos rexistros de conductores e vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. Na práctica, os veciños e veciñas que se empadronen na vila ou que cambien de domicilio no mesmo termo municipal poderán tramitar no propio consistorio as modificacións ante a Xefatura de Tráfico. Deste xeito, o cidadán aforrará tempo e cartos, xa que non precisará desprazarse, como ata a data, ata a cidade de Coruña.
O trámite é gratuíto e sinxelo: deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello un formulario coa petición e a Administración local dará traslado a Tráfico. Dende a Xefatura Provincial enviaráse unha carta ao interesado comunicando o cambio realizado no seu historial e a data correspondente. Ao non expedirse autorización nova, o solicitante deberá seguir circulando co permiso de conducción e de circulación que tivese ata a data. Os cambios de domicilio poderán anotarse no Rexistro de Conductores da DXT –a efectos de notificacións sobre trámites relativos ao permiso de conducción– e no Rexistro de Vehículos da DXT –a efectos do Imposto municipal de circulación, xa que o domicilio do vehículo determina o Concello no que se deberá anotar anualmente o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica-.











