Os Reis Magos visitarán Teo chegando á estación de tren de Osebe en Calo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A Concellaría de Cultura do Concello de Teo ultima a estas horas todos os detalles para a celebración da tradicional cabalgata de Reis na tarde do cinco de xaneiro. Os Reis Magos chegarán a Teo en tren, concretamente á estación de tren de Osebe ás 16:38 horas onde serán recibidos polo alcalde, Martiño Noriega e a concelleira de Cultura, Carme Hermida. Seguro que estarán acompañados ademais por numerosos nenos e nenas que poderán ver e tocar de preto ás súas maxestades de Oriente.

Pero Melchor, Gaspar e Baltasar teñen nesta tarde a encomenda de visitar varias zonas do Concello para que todos os nenos e nenas poidan achegarse a eles. E para eso contarán coa colaboración necesaria dos taxistas de Teo. Tres taxistas de Teo serán os encargados de trasladar ós reis polo Concello nunha comitiva que contará coa presenza, como cada ano da Policía Local e de Protección Civil.

Dende Osebe irán ata o local da SR de Calo, onde está previsto que cheguen ás 17:10 horas. A seguinte parada será o local da Pontevella en Reis ás 17:40 dende onde sairán cara Os Tilos, concretamente estarán no Centro Comercial dos Tilos sobre as 18:20 horas. Cacheiras será a seguinte parada, no Centro Cultural Rosalía de Castro ÁS 18:50 horas. A comitiva real chegará ó CSC da Ramallosa en torno ás 19:30 horas onde se fará a recepción oficial e a entrega de agasallos. Este ano os Reis Magos en Teo entregarán a cada neno/a unha lámina sobre a figura de Rosalía de Castro da artista plástica, Ana Costas, veciña dos Tilos. Dende Cultura indican que o CSC da Ramallosa abrirá ás 18:00 horas e dende esa hora realizaranse talleres e actividades de ocio para facer máis amena a espera.

Dende o Concello tamén se destaca que se realizarán modificacións no tráfico da urbanización sita na rúa Agro da Ramallosa, detrás do CSC da Ramallos, para facilitar o aparcadoiro aos asistentes á cabalgata. A partir das 13:00 horas e ata as 23:00 horas do 5 de xaneiro, a rúa Agro da Ramallosa será de sentido único, quedando a entrada pola parte leste (a máis pegada ó Centro Sociocultural) e a saída pola parte oeste (a máis distante ó local social). Deste xeito co sentido único de circulación poderase aparcar en batería gañando prazas para o aparcadoiro dos asistentes á recepcións dos Reis Magos.

Pola súa banda os nenos e nenas de 0 a 3 anos que asisten ás escolas infantís municipais de Teo xa tiveron hoxe un adelando da máxica noite de Reis. Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron hoxe nos tres centros, Os Tilos, Calo e A Ramallosa para escoitar de primeira man as peticións dos máis cativos/as e recoller as súas cartas. Agardamos que teñan sido bos e boas e na mañá do seis de xaneiro reciban todo o que pediron!

3 de xaneiro de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.