Os Reis Magos visitarán Cedeira para atender as peticións de nenos e nenas da vila
As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán este domingo, 5 de xaneiro, a vila de Cedeira. Chegarán sobre as cinco da tarde á estación de autobuses e, dende alí, a tradicional Cabalgata iniciará un percorrido polas principais rúas da localidade. Durante o mesmo, os paxes agasallarán aos máis pequenos da casa con milleiros de caramelos e, ao remate do itinerario, desprazaránse ata o Auditorio Municipal para atender as últimas peticións dos nenos e nenas de Cedeira.
Se a choiva impedise o percorrido, os Reis Magos trasladaríanse directamente ao Auditorio Municipal para compartir estas horas previas á súa viaxe polos fogares cos máis pequenos da casa. A Cabalgata de Reis está organizada polo Concello de Cedeira, a Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil e a Asociación de Amas de Casa.











