Os Reis Magos chegarán a Ames nun tren que percorrerá as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns
A falta de dous días para que os Reis Magos visiten Ames xa se coñecen máis detalles da cabalgata real que pasará polo Milladoiro e por Bertamiráns. As súas Maxestades chegarán en tren a ambas as dúas localidades. Estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá animación infantil, con música e xogos. Haberá cortes de tráfico por motivo da cabalgata. Ademais, as comitivas reais estarán compostas por un total de 26 paxes, que repartirán 224 quilos de caramelos sen glute.
Os Reis Magos de Oriente visitarán O Milladoiro e Bertamiráns este domingo, 5 de xaneiro, acompañados dunha comitiva real formada por 26 persoas. A recepción real será nos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns. Os Magos de Oriente estarán acompañados de paxes e comparsas, que repartirán 224 quilos de caramelos sen glute aptos para os nenos e nenas que son celíacos. Antes da recepción as súas Maxestades percorrerán as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. Os Reis Magos serán recibidos nos pavillóns coa música que interpretarán os integrantes do grupo de gaitas Os Castros. Hai que destacar que no Milladoiro e en Bertamiráns produciranse cortes de tráfico esporádicos nas rúas polas que pasa a comitiva real con motivo da visita dos Reis Magos.
Ás 17:00 horas comezará a animación no pavillón polideportivo do Milladoiro. A esta mesma hora sairá un tren cos tres Reis Magos e os tres paxes reais que percorrerá as rúas desta localidade. Esta comitiva sairá da Escola Infantil do Milladoiro e continuará pola Travesía do Porto, Rúa dos Cereixos, Agro da Madalena, Agro do Medio, Rúa de Abaixo, Raxoeira, Rosalía de Castro, Rúa Figueiras, Rúa do Rego, Costa Grande, Rúa Figueiras, Rosalía de Castro, Rúa da Madalena e Travesía do Porto ata chegar ao pavillón onde se fará a recepción real. Xa no pavillón, o alcalde de Ames, Santiago Amor, dará a benvida ás súas Maxestades e o Rei Melchor agradecerá a hospitalidade dos amienses. Ademais, os Reis tamén lle entregarán os premios aos nenos e nenas que gañaron o Concurso de cartas aos Reis Magos.
Despois de pasar polo Milladoiro as súas Maxestades dirixiranse a Bertamiráns. O lugar de recepción será o pavillón polideportivo desta localidade onde comezará a animación a partir das 18:00 horas. Neste caso, a comitiva dos Reis Magos arrincará ás 18:00 horas do Agro do Muíño e pasará pola rúa Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía, Travesía do Pedregal, rúa Poeta da Maía, Avenida da Maía e Avenida da Peregrina ata chegar ao pavillón. Ao igual que no Milladoiro, as súas Maxestades entregaranlle os premios aos gañadores e gañadoras do Concurso de cartas aos Reis Magos.
Unha vez nos pavillóns, os nenos e nenas de Ames atoparanse con moitas novidades que farán que a visita dos Reis Magos deste 2014 sexa aínda máis especial se cabe. Para conseguir que os rapaces e rapazas gocen en maior medida do paso das Maxestades de Oriente por Ames a recepción organizada polo Concello contará cunha mellor iluminación e sonido, que fará da visita un momento inesquecible para todos. Deste xeito, para esta noite máxica dotouse aos pavillóns de distintos elementos de iluminación e sonido entre os que destacan luces de cabezas móbiles, cambiadores de color, canóns de seguimento, máquinas de fume e un completo sistema de sonido.
VII Concurso de cartas aos Reis Magos
O xurado do VII Concurso de cartas aos Reis Magos, formado por persoas escollidas pola Casa Real de Oriente e polo Concello de Ames, xa elixiron aos gañadores desta edición. Este ano arredor de 300 nenos e nenas participaron neste concurso. O xurado explicou que o labor de selección foi moi difícil debido á calidade das cartas. Ademais, os Magos comunicáronlle ao Concello de Ames que están sorprendidos pero moi contentos porque en case todas as cartas viña a resposta correcta á adiviña que eles formulaban, pois, efectivamente, a lingua galega é un agasallo que nos regalan as persoas máis próximas, que nos vai durar sempre, que nos fai especiais e diferentes e que se pode compartir con toda a xente que nos rodea.
No Milladoiro, os premiados foron Uxía Fernández Mazaira de 5 anos de idade e que cursa estudios de educación infantil na EEI do Milladoiro; Antía Somoza Bóveda que ten seis anos e que cursa primeiro ciclo de educación primaria no CEP de Ventín; e Ana Castiñeiras Gasamáns de 9 anos e que cursa cuarto de primaria no CEP de Ventín. Por outra banda, en Bertamiráns, os gañadores foron Carmen Corostola Álvarez de 3 anos de idade e que cursa estudios de educación infantil no CEIP Agro do Muíño; Daniel Prieto Mouriz que cursa segundo ciclo de educación primaria no CEIP Agro do Muíño; e Lucía Rodríguez Lema que cursa terceiro de primaria no CEIP A Maía.
Os magos depositaron no correo real arredor de 300 cartas resposta que estarán chegando estes días aos nenos e nenas de Ames. Ademais, como algúns nenos e nenas, coa emoción, esqueceron pór o seu enderezo postal, os Magos enviarán cartas resposta os colexios participantes para que repartan entre os nenos que non recibiron a resposta na casa.











