Os Reis Magos chegan o domingo, 5 de xaneiro, dende Oriente a Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Esta cita, ineludible para os máis pequenos da casa, comezará a partir das 16 h, onde na Praza da Estación de Tren e na Ponte Romana, haberá actividades infantís de pintacaras, globoflexia e manualidades nas que os pequenos poderán gozar antes de ver desfilar ás súas Maxestades.

Ás 18 h, os Reis Magos partirán da Estación de Tren da cidade cos seus séquitos e toda a animación para compartir a emoción e a alegría da entrega dos agasallos durante esta noite. O percorrido atravesará gran parte do centro da cidade pasando pola Avenida de Caldas, cruzando A Ponte Romana, para continuar pola Rúa Progreso e finalizar na Praza Maior.

O desfile comezará con animación para os máis pequenos: zancudos e malabares a cargo de Barafunda Animación. A Banda Municipal de Ourense interpretará clásicos infantís para dar paso a un espectáculo de globos cisne e a recoñecidos personaxes de debuxos animados como Mickey e Minnie Mouse, Pocoyó e Elli, Pepa Pig e os protagonistas da película Madagascar. A continuación, estará presente coa súa carroza o Carteiro Real, interpretado polo actor Rubén Riós, que estará disposto a recibir as últimas cartas daqueles que esperan a última hora. O baile correrá a cargo de Inthecisos, un grupo de b-boying que ofrecerá un estilo moderno ao evento e seguiranlle a alfombra máxica de Aladín. Dous trens termais irán cargados de caramelos, seguidos da Asociación Musical Particella, quen cos seus instrumentos de ventos amenizarán a chegada da Mina Real, onde mostrarase o carbón que poden recibir aqueles que non se portaron ben ao longo do ano.

Un espectáculo de globos e pompas anunciarán a chegada da Estrela de Oriente: unha luminosa figura que darán paso aos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar presentaranse ante os nenos ourensáns nas súas carrozas dispostos a repartir caramelos entre os pequenos cos seus séquitos (formados por máis de 70 persoas).

Este ano, a cabalgata caracterízase por unha coidadosa e estudada escenificación e un atrezo moi particular, elaborado de forma artesanal punto por punto co maior mimo e atención.

No desfile tamén participarán os Bombeiros, Urbanos de Ourense (co tren das Termas e un autobús que estarán na comitiva) e a Banda Municipal, que porá a nota musical ao desfile.

O percorrido será o seguinte: Estación do Empalme, Avenida das Caldas, Ponte Romana, Rúa do Progreso, Doutor Marañón e Praza Maior.

Ao longo do mesmo, repartiranse 4.000 kilos de caramelos, estando prevista a chegada das primeiras carrozas á Praza Maior ás 19.30h, onde os Reis Magos farán a ofrenda ao belén vivinte (realizado en colaboración coa Asociación de Belenistas) que estará instalado nos soportais da Casa do Concello.

Finalmente os Reis dirixiranse ao público asistente desde o balcón do Concello, outra das tradicións recuperadas este ano, e de seguro recomendarán a nenos e maiores durmirse cedo e agardar os seus presentes.

Dispositivo especial de Tráfico

Por mor da Cabalgata de Reis, o sábado, día 5 de xaneiro, a Policía Local establecerá un dispositivo especial de Tráfico para cortar as rúas de acceso ao intinerario polo que discurre o desfile de Reis: Estación do Empalme, Avenida das Caldas, Ponte Romana, Rúa do Progreso, Doutor Marañón e Praza Maior.

O primeiro corte de tráfico producirase media hora antes da saída, ás 17.00h, afectando ao barrio da Ponte, anulando o acceso á Estación do Empalme e a Avenida das Caldas. Os itinerarios alternativos serán:
A ciculación que proveña da Estrada de Vigo terá que continuar pola Ponte Novísima.
A circulación de baixada pola Avenida de Santiago deberá acceder pola Avenida de Marín e a Ponte Nova.

Salvo contratempos, a circulación normal estará restablecida ao redor das 18.15 horas, no barrio da Ponte.

Por outra banda, á hora da saída, ás 18.30 h., o corte afectará a unha das arterias principais da cidade, a rúa Progreso, dende a Ponte Romana ata o Xardín do Posío, que non recuperará a normalidade ata pasadas as 20.30h.

A Policía Local recomenda aos conductores que tenten evitar acceder ao percorrido e principalmente á rúa do Progreso que permanecerá pechada dende as 17.30h e ata as 20.30h, polo que se recomendan itinerarios alternativos por San Francisco, O Couto e ao Centro vía Curros Enríquez.

A Policía Local implementa os seus efectivos durante a cabalgata para garantir a seguridade e normalidade do discurrir do desfile. Para tal fin contarase con máis de 50 policías, 8 motocicletas, 6 coches patrulla e 3 furgonetas.

3 de xaneiro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.