Os itinerarios de Emprego e Empresa na Coruña pecharon 2013 cunha inserción laboral directa ao día
As políticas municipais de Emprego lograron en 2013 un total de 326 insercións laborais directas, case una ao día, a través dos itinerarios formativos deseñados e impartidos pola área de Emprego e Empresa que dirixe a tenente de alcalde Luisa Cid e dirixidos a guiar aos desempregados no proceso de procura de traballo.
“Son postos de traballo directos aos que hai que engadir os indirectos que se xeran grazas a outros programas municipais, como os cursos que realizamos en colaboración coa Xunta e nos que se obtén o Certificado de Profesionalidade”, indicou a tenente de alcalde en rolda de prensa.
Cid subliñou a importancia dos ciclos de formación á hora de atopar un posto de traballo. Por este motivo, o pasado ano, a área incrementou os programas de formación respecto ao exercicio anterior. Neste sentido, impartíronse 60 cursos máis e un total de 10.869 horas de docencia, o que supón un incremento do 10% respecto de 2012.
Así mesmo, os técnicos traballaron de forma presencial con 7.949 persoas, 2.614 máis que en 2012, e organizáronse 186 seminarios e cursos de orientación. Cid mostrouse convencida de que cada vez máis xente coñece e utiliza os servizos municipais de asesoramento. “É un labor que deben facer as administracións locais que son as máis próximas ao cidadán”, engadiu tras lembrar que todos os servizos e programas son gratuítos.
NICHOS DE EMPREGO
Atopar nichos de empleabilidad, localizar os sectores do mercado onde hai demanda de traballadores, é unha das prioridades da maioría dos programas impulsados polo Concello, que aposta por ofrecer formación especializada gratuíta “en función da realidade da rúa”, engadiu Luisa Cid, como medio fundamental nos procesos de procura de emprego.
O apoio aos emprendedores tamén foi unha prioridade e así o avalan as cifras de 2013 que reflicten un incremento das accións, tal e como explicou a tenente de alcalde. Durante ese período realizáronse case o dobre de asesoramentos a emprendedores que o ano anterior, cun total de 1.223 asesoramentos de emprendedores. Os talleres de difusión emprendedora tamén recibiron un forte impulso: impartíronse 102, o que supón unha subida do 50% respecto ao exercicio anterior.
A concelleira indicou que no viveiro de empresas da Grela organizáronse 254 xornadas, talleres e foros ademais de 92 iniciativas de formación e asesoramento, a pesar de que as instalacións contan con doce despachos.Así mesmo, lembrou que A Coruña é a cidade galega que mellor se comporta fronte ao desemprego, cunha taxa de paro do 17,3% (20.700 desempregados) inferior á media galega e nacional. Engadiu que o ano 2013 pechouse cun lixeiro incremento do 0,52% no número de contratos respecto dos celebrados en 2012, con 462 máis, alcanzando os 88.986, e con 1.051 afiliados máis á Seguridade Social. No entanto, Cid subliñou que desde o Concello non se pode baixar a garda fronte ao desemprego, polo que desde o seu departamento continuarán promovendo e incrementando as políticas activas para loitar contra as cifras de paro.
Proxectos como a aula de Emprego ou a Escola de Emprendedores, ambos de Urbana C, ademais do Viveiro do Papagayo, este último cun investimento dun millón de euros -o 80% financiado pola UE- están entre as prioridades para 2014, do mesmo xeito que o inicio, en marzo, de 20 cursos de Formación Ocupacional, con máis de 7.500 horas e con capacidade para 413 prazas. Todos os seminarios son gratuítos e o prazo de inscrición termina o próximo 7 de febreiro.