Os empresarios de Vigo solicitan a paralización das novas medidas fiscais

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

O Círculo de Empresarios de Galicia mostrou este venres a súa desconformidade coas últimas medidas fiscais anunciadas polo Goberno, que pasan por incrementar as bases de cotización e incluír como cotizables conceptos como axudas para comidas, seguros médicos e plans de pensións.

Segundo sinalou esta organización empresarial, esas medidas pon en risco a “incipiente” recuperación económica e frearán o consumo interno, ao diminuír os recursos do traballador.

Tamén é unha iniciativa “desacertada” desde o punto de vista das empresas que, cunha maior presión fiscal, serán máis remisas a ampliar os seus persoais, segundo o Círculo.

Por outra banda, os empresarios lembran que as cotizacións sociais en España son máis altas que noutros países da contorna e que, nos últimos anos, empresas, traballadores e emprendedores tiveron que facer fronte a subidas do IVE e do IRPF, a pesar de que o compromiso do actual goberno “era xusto o contrario”.

Finalmente, o Círculo de Empresarios de Galicia chamou a atención sobre a forma en que se aprobaron os últimos cambios. “Faltou transparencia e diálogo”, lamentaron, e pediron ao Goberno que paralice ditas medidas “e sente a dialogar cos axentes sociais”.

24 de xaneiro de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.