Os empresarios de óptica coruñeses piden axudas para quen precisen usar lentes graduadas
Ante o previsible incremento do IVE -pasará do 10% ao 21%- para a adquisición de diversos produtos sanitarios, entre eles as lentes e lentes de contacto graduadas, que foi ditaminado hai xa un ano polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea e probablemente farase efectivo en breve, o presidente da Federación de Empresarios de Óptica da Provincia da Coruña, José Piñeiro Rodríguez, subliña que as lentes graduadas non son un ben de consumo banal, senón que se recetan para liquidar anomalías e incapacidades físicas, á vez que son imprescindibles para unha importante maioría da poboación que sen elas non poderían normalizar a súa actividade cotiá.
Piñeiro Rodríguez destaca que a metade da poboación menor de corenta anos precisa de lentes graduadas, porcentaxe que se eleva até case o cen por cento nos tramos de poboación que superan a corentena.
Por iso, o presidente dos empresarios coruñeses do sector da óptica e a optometría reclama que de facerse efectivo o incremento do IVE, o que repercutirá nunha importante subida do prezo das lentes e lentes de contacto graduadas, o Goberno debe habilitar un sistema de axudas públicas aos usuarios que precisen do uso das mesmas; “sistema que xa se contemplou no noso país até fai aproximadamente quince anos”, conclúe.











