Os críticos de Ourense rexeitan acudir de novo á reunión do grupo
O quinteto crítico dos socialistas de Ourense volveu ausentarse á habitual reunión do grupo dos martes, tal e como levan facendo desde o día 16 de decembro, a pesar de que a dirección do PSdeG confiaba en que acudisen nesta ocasión.
As ausencias deste grupo, do que se considera líder Antonio Rodríguez Penín, repítense desde decembro, cando por decreto do alcalde, Agustín Fernández, este concelleiro foi desposuído das súas competencias no goberno municipal.
A reunión deste martes contou co rexedor e o cinco edís afíns, ademais da directora xeral de Recursos Humanos, Carmen Rodríguez, quen é, ademais, a secretaria xeral da agrupación local dos socialistas ourensáns. Nesta agrupación están integrados todos os edís municipais salvo Susana Bayo –do sector crítico–, que forma parte da agrupación de Esgos.
O luns pola tarde, a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, expresara ante os xornalistas a súa confianza en que os díscolos acudisen á reunión deste martes. “Estou convencida de que os compañeiros van asumir e a cumprir as súas obrigacións”, remarcou, este luns, a dirixente socialista.