Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle Inclán celebrarán unha chocolatada pola apertura da nova vía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle Inclán, coa colaboración do Concello de Carballo, celebran o venres 24 de xaneiro a partir das 20.15 horas a apertura ao tráfico rodado da nova vía despois de que teñan rematado os traballos para a súa transformación nunha rúa semi peonil. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como Diego Vázquez, responsable de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, empresa encargada das obras, como os representantes dos comerciantes e hostaleiros da vía aseguraron en rolda de prensa estar moi satisfeitos, tanto coa marcha das obras como co resultado final.

Para Ferrero, a actuación estivo “ben organizada e executada”; en nome dos comerciantes, Teresa Viña, de “Mírame”, subliñou a boa marcha dos traballos e as facilidades que ofreceu a empresa para que cada quen puidera desenvolver o labor nos seus negocios con normalidade durante o prazo de execución; e o propio Vázquez quixo agradecer a colaboración da veciñanza para facilitar as obras. Por todo iso decidiuse conmemorar a finalización do proxecto, e tamén celebralo co obxectivo, segundo Teresa Viña, “de axudar á xente a que coñeza a nova rúa” e de invitar a todos os veciños e veciñas a que gocen deste novo espazo no centro da vila. Durante a inauguración está previsto cortar unha cinta, unha chocolatada e a actuación do grupo musical O tren da unha. Así, despois de que se corte a cinta inaugural (ás 20.15 horas), está prevista unha breve actuación da banda municipal de gaitas. Logo, realizarase un percorrido pola rúa, partindo do cruce coas rúas Doutor Fleming e Vázquez de Parga cara á Praza do Concello.

Finalmente, está previsto que veciños e autoridades se congreguen arredor do Mesón a Cabaña e de Cafetería Habanos, encargados da elaboración do chocolate e zona onde se colocarán unhas mesas e algunha mini carpa en caso de choiva, nas que repartir o chocolate, pasteis e pan de ovo. Por último, será a quenda da actuación musical de O tren da unha. Hai que subliñar que Supermercados Froiz cede gratuitamente 120 litros de leite; que Chocolates Mariño cede tamén sen custo algún o chocolate que sexa necesario para a celebración; e que grazas a unha doazón de 300 euros de La Caixa foi posible a contratación da actuación de O tren da unha. Para os comerciantes, esta cita é unha oportunidade para dar a coñecer o comercio da rúa e as súas vantaxes. Nese sentido, Teresa Viña espera que a xente empregue os aparcadoiros públicos e gratuítos que están situados a moi pouca distancia da vía e lembrou que, aínda que non se poidan estacionar vehículos, a partir de agora sí será posible parar cinco minutos para carga e descarga.

Evencio Ferrero quixo felicitar a Construcciones Ramón Vázquez y Reino pola boa imaxe que transmitiron unhas obras “ben sinalizadas, con accesibilidade e limpeza dentro de todas as molestias que as obras ocasionan”, ao igual que o fixo o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que expresou que a vontade do equipo de goberno carballés é “dar o salto que queremos de vila pequena a unha vila comercial e máis humana”, transformando “as estradas en rúas” para que a xente “poida gozar do medio urbano”. Ferrero, avanzou tamén que o obxectivo é crear unha grande área semi peonil e humanizada dende a rúa Valle Inclán ata a Martín Herrera, na zona da Igrexa, para “reforzar a actividade comercial” no centro da vila.

Respecto das características da actuación, hai que lembrar que a Reurbanización da Rúa Valle Inclán foi adxudicada por un importe de 165.184,34 euros, IVE incluído, contou cun prazo de execución de 45 días e supuxo a colocación en toda a lonxitude da vía dunha calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel. Nestes momentos queda pendente a colocación do alumeado e do mobiliario urbano, unha actuación que se realizará en breve, mais a partir do sábado 25 de xaneiro a rúa estará definitivamente aberta a vehículos e peóns, segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas. Na cita tamén estiveron Carlos Eirís, de O Cestiño; Pablo Requeira, de Supermercados Froiz; e Ana Écija, de Mar de Encontros.

23 de xaneiro de 2014 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.