Os alumnos de InserAmes Brión comezan este mes as súas prácticas en empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmesBrión
A-
A+

Ao longo deste mes de xaneiro, comezarán as súas prácticas profesionais os primeiros alumnos/as do programa integrado para o emprego InserAmes Brión. Os primeiros en realizar as prácticas serán 9 alumnos/as do curso de atención e coidados especializados a persoas dependentes, que traballarán en cinco entidades dos concellos de Ames e Santiago. En total, este programa ofrece formación para o emprego a 80 persoas desempregadas de Ames e Brión e conta cun orzamento total de 160.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.

Ata o momento, iniciáronse un total de 12 accións formativas no marco do programa InserAmes Brión. A formación estase realizando en Ames, no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, e en Brión, na Aula Cemit dese municipio. Deste xeito, comezou a formación de operario de almacén e de atención e coidados especializados a persoas dependentes, con 200 horas de formación cada un dos cursos. Tamén se puxo en marcha a actividade formativa de operario de caixa-repoñedor, con 126 horas, e de eficiencia enerxética en edificios, con 50 horas. Os alumnos/as de InserAmes Brión tamén levaron a cabo un curso de informática básica, que conta con 24 horas; outro de inglés, con 40 horas, e un máis de manipulador de alimentos, que conta con 40 horas de formación. A maiores, celebrouse unha xornada de autoemprego e un curso de xestión de equipos de traballo.

As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados e a mulleres de baixa cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego.

Trátase xa da sexta edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión. Neste 2013, os dous municipios, dentro da liña de colaboración que veñen desenvolvendo, decidiron deseñar un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. A finalidade desta iniciativa é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que formará aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.

Aposta pola formación para o emprego

Durante este ano 2013, o Concello de Ames levou a cabo unha importante aposta pola formación para o emprego e o emprendemento. Deste xeito, entre xaneiro e xuño un total de 34 persoas desempregadas participaron no obradoiro de emprego Encontro Verde, realizado en colaboración co Concello de Brión.

Ademais, actualmente 18 persoas participan nas accións formativas específicas do programa Rede Xiana 2 para a obtención de certificados de profesionalidade, que se puxo en marcha en colaboración coa Deputación da Coruña e que continúa este ano. Tamén en colaboración co organismo provincial, a principios de decembro celebrouse en Bertamiráns unha xornada de motivación para o emprendemento e acceso ao financiamento no que participaron máis de 70 persoas.

No mes de novembro iniciáronse as xornadas formativas dos cursos de formación que se impartirán no marco do programa integrado para o emprego InserAmes Brión para este ano 2013. Neste programa participan un total de 80 persoas desempregadas.

Nese mesmo mes tamén se puxo en marcha o programa Ames Integra. Trátase dun curso de formación en competencias clave e de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside en Ames.

Datos do paro

O Concello de Ames destaca, ademais, a evolución experimentada polo desemprego no municipio, que rematou o 2013 cun total de 2.829 persoas desempregadas, mentres que a finais de 2012 esta cifra se achegaba ás 3.000 persoas. Durante os últimos nove meses, a evolución do paro experimentou un bo comportamento no municipio amiense.

9 de xaneiro de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.