Os actos de celebración do Entroido de Ordes arrancarán o 4 de marzo
O Concello de Ordes acaba de dar a coñecer o seu programa de cara as festas do Entroido 2014, as cales arrancarán o martes 4 de marzo coa súa tradicional ‘Tarde de entroidada’. Unha cita pensada para os máis novos da casa e que se desenvolverá a partir das 16.30 horas na Alameda de Ordes. Alí terán lugar todo tipo de obradoiros, como globoflexia, maquillaxe, máscaras, chapas, ademais de contar con divertidas animacións de rúa. A organización adianta que en caso de chuvia trasladarase todo ao pavillón Campomaior.
O sábado 8 de marzo será do día grande desta celebración tan importante para o municipio, co seu sábado de piñata. As rúas do pobo verán desfilar por elas os máis vistosos disfraces, comparsas e carrozas a partir das 17 horas. Unha vez chegados todos ao Campo da Feira dará comenzo o concurso, cuxo prazo de inscrición finalizará o 3 de marzo.
Nesta edición outorgaranse dous premios de 600 e 400 euros ás dúas mellores carrozas. No caso das comparsas os premios serán de 400, 300 e 200 euros para os adultos e de 200, 150 e 125 euros na categoría infantil. Os participantes individuais optarán a premios de 175, 125 e 90 euros no caso dos adultos e de 125, 90 e 75 euros para os nenos e nenas. O xurado tamén concederá un premio simpatía de 150 euros, outro de 200 euros á mellor comparsa do municipio e 10 premios locais de accésit de 100 euros cada un.
O xurado composto por 3 membros designados polo alcalde valorarán na súa toma de decisións a orixinalidade dos disfraces, o esforzo do traballo realizado na súa confección e deseño, ademais da posta en escena, a cal non durará máis de 3 minutos.
Para consultar as bases desta convocatoria os interesados poden facelo na páxina web municipal do Concello (www.concellodeordes.com)











