Ortigueira promocionará o Festival do Mundo Celta en FITUR 2014
O Concello de Ortigueira presentará a próxima semana en FITUR 2014 dúas dos seus principais apostas para situarse no mercado turístico neste ano, a saber, o Festival do Mundo Celta e a nova oferta de turismo mariñeiro que desenvolverán o conxunto de destinos da Asociación Vilas Mariñeiras. O alcalde Rafael Girón desprazarase a Madrid para participar o vindeiro xoves ambos os produtos turísticos.
Ortigueira será durante a tarde do 23 de xaneiro, unha das localidades protagonistas do programa de actividades do espazo institucional reservado por Turgalicia na principal feira. En horario de sobremesa, o alcalde Rafael Girón presentará a operadores nacionais e internacionais e a medios de comunicación as bazas que pretende xogar Ortigueira durante o ano en curso para atraer a novos visitantes.
Un ano máis, e como non podería ser doutra maneira, o Festival do Mundo Celta, que terá lugar entre o 17 e o 20 de xullo, manterase, como o reclamo fundamental para captar turistas. Non en balde, a cita, declarada Festa de interese turístico Internacional desde 2005, atrae anualmente a miles de persoas (50.000 na pasada edición).
Horas antes, e na caseta de Cantabria, o rexedor tomará parte tamén na presentación do proxecto de “Turismo Mariñeiro” que a Asociación Vilas Mariñeiras, da que Ortigueira forma parte xunto a outro nove localidades costeiras de Galicia, Asturias e Cantabria, pretende activar neste 2014, pondo en valor os múltiples recursos ligados ao mar e á natureza inventariados durante os últimos meses de en cada un dos destinos asociados.
A axenda de traballo do alcalde na capital de España pecharase coa participación na asemblea xeral das Vilas Mariñeiras que, como vén sendo habitual, celebrarase coincidindo co foro turístico.