Oroso oferta novedosos cursos de cupcakes, fofuchas e xabóns-candeas artesanais
O Concello de Oroso abre o prazo de inscricións en cinco cursos formativos e de ocio, que terán lugar entre os meses de febreiro e abril no centro cultural de Sigüeiro. Unha oferta formativa dirixida a veciños e veciñas empadroados en Oroso que este ano está cheo de novidades, xa que só repiten labores e masaxes. As novidades modalidades de 2014 serán: elaboración de cupcakes, confección de fofuchas e fabricación de xabóns e candeas artesanais. As inscricións deberán formalizarse antes do vindeiro 28 de xaneiro no centro cultural de Sigüeiro ou no 981 69 09 03. Os prezos serán de 20 euros por mes, salvo o de masaxes de lombo e de pés que terá un prezo de 45 euros.
Das novidades deste ano, o curso de xabóns e candeas artesanais terá unha duración de 16 horas, repartidas nas tardes dos mércores (de 17:00 a 19:00 horas) dos meses de febreiro e marzo. O prezo é de 20 euros por mes, se ben o custe do material vai por conta do usuario. No que atinxe ao curso de fofuchas, terá lugar durante o mes de febreiro, todos os martes de 19:00 a 21:00 horas. O prezo é de 20 euros. O curso de elaboración de cupcakes aínda está pendente de confirmar horarios e prezos.
A oferta do Concello de Oroso inclúe tamén un curso de masaxes de lombo e pés, que toma o relevo do curso de reflexoterapia podal do ano pasado. Terá unha duración de 18 horas, distribuídas nas mañás dos sábados de febreiro e marzo, de 10:00 a 12:00 horas. O custe será de 45 euros por mes. Finalmente, o Concello de Oroso mantén o exitoso curso de Labores, que este ano será o de maior duración: 22 horas repartidas entre os meses de febreiro, marzo e abril. Os alumnos aprenderán gancho, punto de cruz e todos os puntos de bordado a man, broches, bordados con cintas… As clases serán os xoves, de 17:00 a 19:00 horas.











