Oroso convoca a primeira edición do concurso de relatos breves “Olla para min”
O Concello de Oroso vén de convocar a primeira edición do concurso de relatos breves “Olla para min”, un certame dirixido a rapaces e rapazas empadroados en Oroso e que estean a cursar 6º curso de primaria. Un certame que se une ao concurso de fotografía “Muller traballadora” e cos que o Concello de Oroso pretende implicar aos máis novos na conmemoración do Día Internacional da Muller.
Por iso, a temática dos relatos deberá estar relacionada co esforzo e a participación das mulleres na construción e crecemento da sociedade, onde as diferenzas sexan un valor engadido e as desigualdades por razón de sexo desaparezan. Os relatos terán unha extensión máxima de 1.000 palabras (título incluído) e poderán estar escritos en galego ou castelán, sempre que utilicen unha linguaxe non sexista.
Os textos non levarán imaxes nin debuxos e deberán incluír un título e o pseudónimo do autor/a. Os textos deberán enviarse antes do vindeiro 28 de febreiro. O Concello de Oroso estableceu dúas opcións para a súa presentación:
-envío postal ou entrega no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oroso (rúa do Deporte 9), baixo o sistema de plica.
-Envío por e-mail a benestarsocial@oroso.dicoruna.es, indicando no “Asunto”: “I Concurso de relatos breves: Olla para min”. O relato irá adxunto en formato word (non se admiten PDF) e levará o pseudónimo do autor, sen ningún dato identificativo. A maiores enviarse un segundo arquivo word, chamado “Datos persoais”, coa identificación do autor (nome, apelidos, enderezo, teléfono e e-mail).
En ambos casos será preciso remitir unha autorización de participación no certame por parte do pai/nai ou titor legal. Os premios consistirán en lotes de libros e serán entregados no marco das celebración do Día Internacional da Muller.











