Obradoiros de ilustración con Xosé Tomás e Óscar Villán para descubrirlle o proceso creativo aos máis novos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa coa programación especial sobre a ilustración nas bibliotecas nodais das catro provincias, que botou a andar o 30 de xaneiro con motivo do primeiro Día da Ilustración en Galicia. Para conmemorar esta data, a biblioteca nodal de Lugo ofrece esta tarde un obradoiro a cargo de Xosé Tomás, que lles amosará aos nenos e nenas de 6 a 10 anos algunhas das técnicas e pasos principais do proceso creativo arredor do álbum ilustrado. Para o público de 12 a 18 anos, o ilustrador ofrecerá mañá un obradoiro na Biblioteca González Garcés da Coruña, de 11:30 a 13:00 horas.

Outro recoñecido ilustrador galego, Óscar Villán, será o encargado de impartir o obradoiro de ilustración que terá lugar esta tarde, de 18:30 a 19:30 horas, na Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra. Os rapaces e rapazas de 8 a 12 anos que participen na actividade terán ocasión de descubrir a profesión de ilustrador a través da obra de Óscar Villán, quen tamén compartirá con eles o traballo de distintos ilustradores e ilustradoras con proxectos diverxentes.

Unha viaxe polo gravado

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, tamén acollerá mañá un obradoiro creativo para viaxar ata o mundo do gravado e da estampación, dirixido a maiores de 12 anos. De 12 a 14 horas, os participantes poderán coñecer de primeira man a técnica do gravado en oco, a máis directa de todas as técnicas calcográficas, así como as técnicas aditivas, nas cales a imaxe da estampa se crea a partir da adición de materiais sólidos a un soporte ríxido.

Os obradoiros, que son de balde, previa inscrición, complétanse coa mostra bibliográfica ‘Vida e obra dos ilustradores en Vigo’, coa que a Biblioteca Juan Compañel de Vigo fará un percorrido pola ilustración na actualidade a través de obras dalgúns dos máis importantes ilustradores vigueses contemporáneos. Pepe Carreiro, Luis Castro Enjamio, Anxo Fariña, Alejandro Viñuela e David Amoedo son algúns dos artistas que estarán presentes nesta mostra.

Conversa con Miguelanxo Prado na Coruña
A programación de actividades rematará o 7 de febreiro no Museo de Belas Artes da Coruña cunha conversa con Miguelanxo Prado, autor do cartel conmemorativo do Día da Ilustración 2014. O gañador do Premio Nacional de Cómic 2013 polo traballo ‘Ardalén’ falará, ás 19:00 horas, da súa obra e da situación actual da ilustración, nun coloquio no que o público poderá coñecer de preto o universo creativo do artista.

O Día da Ilustración, creado pola Xunta de Galicia para poñer en valor a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para recoñecer o labor do sector galego da ilustración, é unha das datas que se inclúe no Calendario do Libro e da Lectura 2014, co que a Consellería de Cultura e Educación convida a celebrar e a planificar actividades arredor das datas máis sinaladas do libro e da lectura.

31 de xaneiro de 2014 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.