O xulgado de Santiago recibe a documentación de Renfe sobre o informe que alertaba do risco da curva de Angrois
Os xulgados de Santiago de Compostela recibiron a documentación solicitada a Renfe polo maxistrado Luis Aláez, que instrúe o caso do accidente de Angrois no que morreron 79 persoas o pasado 24 de xullo.
Aláez deu de prazo tres días á operadora ferroviaria e, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) minutos antes das 15,00 horas, o informe chegou ao xulgado.
En concreto, o maxistrado requiriu a Renfe toda a información relativa a un informe elaborado en decembro de 2011 polo xefe de maquinistas da provincia de Ourense, quen alertaba da perigosidade da liña Santiago-Ourense, polo “brusco” descenso da velocidade.
En consecuencia, nunha comunicación ao seu superior, este maquinista xefe recomendaba revisar o sistema de circulación e implementar novas medidas de seguridade.











