O xuíz solicita documentación sobre o informe do xefe de maquinistas que alertaba do perigo en Angrois
O xuíz que instrúe o caso do accidente do Alvia o pasado 24 de xullo en Santiago, Luís Aláez, pediu a Renfe toda a documentación relacionada co informe do xefe de maquinistas de Ourense que alertaba, en decembro de 2011, do perigo da curva de Angrois.
Pola súa banda, a operadora ferroviaria está a solicitar os documentos e preparándoos para remitirllos ao maxistrado. Así, estima que poderá entregalos “bastante rápido”.
Fontes de Renfe consultadas declinaron facer unha valoración destes últimos movementos, dado que a investigación está ‘sub iúdice’.
Luís Aláez emitiu un auto “conciso” este xoves no que acepta a petición do avogado do imputado, o maquinista Francisco José G.A., de investigar todo o relacionado coa comunicación que achega dado que “ten interese para a causa”.
Considera que o correo electrónico que entrega “é real” e pide a Renfe que informe de “todo o ocorrido desde a recepción da comunicación” en relación a este caso.
Así, demanda a Renfe “calquera tipo de documentación, acta de reunións, nota ou informe que se realizou en relación ao perigo e a seguridade do percorrido por mor desta comunicación”.
O maxistrado ten constancia de que o Sindicato de Maquinistas (Semaf) dirixiuse á Dirección Xeral de Seguridade de Renfe para preguntar en relación a esta petición e coñecer si a comunicación é certa, e Renfe respondeulles que está a elaborar un informe para remitir ao xulgado sobre esta comunicación.
INFORME DO XEFE DE MAQUINISTAS
Segundo o escrito presentado pola defensa do imputado o xefe de maquinistas da provincia de Ourense, José Ramón Igrexas Mazaira, enviou en decembro de 2011 ao seu superior –o xefe de Produción e Medios da Xerencia de Mercado Norte de Renfe, José Luís Rodríguez Vilariño– un informe no que alertaba de “anomalías” na nova liña de alta velocidade Santiago-Ourense.
Entre elas, advertía do “brusco” descenso da velocidade, “sen aviso previo”, na curva de Angrois, onde faleceron 79 pasaxeiros. Por iso, o xefe de maquinistas pedía medidas de seguridade neste tramo, como limitacións permanentes de velocidade a 80 quilómetros por hora.
“Parece importante respecto ao momento anterior estudar a posibilidade solicitar a implantación en vía de sinais de limitación permanente a 80 quilómetros por hora, que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas”, apuntaba Igrexas Mazaira.
Previamente, relataba como a liña Ourense-Santiago conforma “unha transición descendente por infraestrutura da velocidade máxima, que pasa de 300 quilómetros por hora a 80 quilómetros por hora dunha forma brusca, sen un aviso previo por sinalización da vía e sen o amparo do ERTMS”.
Esta transición de velocidade, subliñaba, ocorre “nunha zona de máxima atención e de risco pola citada transición de sistemas e pola sinalización lateral que hai que respectar”. “Unicamente existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do punto quilométrico 84.230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa”, advertía.











