publicidade hoxe

O vindeiro luns ábrese o prazo para solicitar a cesión dunha horta urbana no Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Durante este mes de xaneiro póñense en marcha as hortas urbanas, sostibles e solidarias que o Concello de Ames pon a disposición da veciñanza no Milladoiro para realizar cultivos hortícolas de xeito sostible e solidario. O vindeiro luns, 20 de xaneiro, ábrese o prazo para que todos aqueles veciños/as de Ames interesados/as en poder contar cunha horta urbana no Milladoiro poidan presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no Milladoiro e Bertamiráns. O prazo estará aberto ata o vindeiro 5 de febreiro.

En total, poñeranse a disposición nesta convocatoria 51 terreos que están ubicados nunha parcela situada entre a rúa do Seixo e a rúa do Francés e que conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados. A cesión das parcelas é gratuíta. O acondicionamento desta parcela foi posible grazas a unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental concedida pola Consellería de Presidencia.

As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por outros doce meses. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “aínda que o acceso ás hortas está aberto a todos os veciños, debido ao fin social e solidario das mesmas reservaranse un 14% das parcelas para casos de emerxencia social informados polos Servizos Sociais do Concello e outro 14% para persoas maiores de 65 anos”.

Unha vez presentadas as solicitudes, serán avaliadas por unha comisión e crearase unha lista provisional que será sometida a exposición pública a efectos de alegacións por un prazo de 10 días hábiles. Finalizado este prazo, será elaborada unha lista definitiva na que se indicará, de ser o caso, hora, lugar e día para a realización do sorteo de adxudicación das hortas.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, destaca que “as persoas que resulten adxudicatarias das hortas deberán asistir ao curso de formación sobre prácticas sostibles nas hortas urbanas que será impartido polo Concello e, ademais, seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible que lles será facilitado”. Haberá préstamo de utensilios e ferramentas por parte do Concello de Ames e levarase a cabo un seguimento destas hortas, creando unha comisión de seguimento.

A concelleira lembra o éxito que esta iniciativa alcanzou en Bertamiráns, onde se puxeron a disposición 34 terreos e se rexistraron máis demandantes que parcelas. Os usuarios/as de Bertamiráns están levando a cabo o curso de formación no que están aprendendo técnicas de cultivo sostibles para aplicar nas súas parcelas .

Documentación necesaria

Os impresos de solicitude, a documentación que se deberá achegar e toda a información necesaria para participar neste proceso do Milladoiro poderá solicitarse no departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames a través do teléfono 660004665 ou do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org. Tamén poderá solicitarse nas oficinas do Milladoiro e descargarse da páxina web municipal: www.concellodeames.org. Nas solicitudes deberá indicarse se se opta por algunha das tres modalidades: maior de 65 anos, emerxencia social e libre.

Xunto coa instancia de solicitude de autorización do uso dunha parcela, as persoas interesadas en contar cunha horta urbana municipal deberán presentar, entre outra documentación, a declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta conforme ao exposto na ordenanza reguladora do funcionamento de hortas urbanas municipais sostibles e solidarias do Concello de Ames.

17 de xaneiro de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.