O Teatro Rosalía Castro da Coruña será escenario da obra ‘Romano’
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a obra teatral Romano, que a compañía Espello Cóncavo estreará o venres 17 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro.
“O Concello da Coruña volve demostrar, desta forma, a súa aposta e o seu compromiso firme coas artes escénicas e co teatro en particular. É moi numerosa a nómina de autores, actores e directores que cada día seguen creando obras para mostrar a un público, sempre fiel, que fai con eles o camiño. Creemos que un dos nosos obxectivos irrenunciables pasa por apoiar a todos os creadores galegos axudándolles na difusión e creación de novos públicos, por iso o Teatro Rosalía Castro, un dos escenarios favoritos das compañías galegas para estrear as súas obras, está sempre a disposición de todas sen excepción”, asegurou Fernández.
Tal e como explicou, Romano é unha obra creada e dirixida polo polifacético artista Liño Braxe que porá en escena a través de Espello Cóncavo, unha compañía avalada polas súas máis de dúas décadas de intensa traxectoria e que traballa cada día “para universalizar o noso teatro e a nosa cultura”.
Romano bebe da poesía e do teatro greco-latino para contar a historia dun senador romano que decide regresar á súa cidade natal. Miguel Pernas, Manuela Varela e Xosé Vilarelle protagonizan esta obra que contará coa colaboración especial de Laura Sarasola, Sabela Amado, Antonio Simón e Felipe Cotelo. Ademais soará a música en directo da trompetista Alma Sarasola e a voz da mezzosoprano Rita Gasalla.
A obra, que está programada a través do AGADIC pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, representarase os días 17 e 18 de xaneiro ás 20.30 horas no Teatro Rosalía Castro. As entradas xa están á venda a un prezo que vai dos 6,50 aos 14 euros con descontos do 20% para desempregados, xubilados e posuidores do carné novo. Pódense adquirir a través das canles habituais: o despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas, na web www.servinova.com, no número de televenta 902 504 500, ou o día de función no despacho de billetes do Teatro Rosalía Castro de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.











