O teatro Rosalía Castro da Coruña acolle o espectáculo ‘Os ollos que falan’
O director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, presentou esta mañá o espectáculo Os ollos que falan, que o sexteto Tempo Catro levará ao escenario coruñés mañá xoves a partir das 20.30 horas.
Os ollos que falan é unha iniciativa producida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) que naceu co obxectivo de render unha homenaxe a Rosalía de Castro no 150º aniversario da publicación de Cantares Galegos. Os espectadores poderán gozar da música que o sexteto Tempo Catro compuxo para acompañar a once dos poemas desta obra, que demostrará que a voz desta autora segue viva e os seus temas continúan de actualidade.
A fusión de estilos é a principal característica desta composición formada por Suso Igrexas (acordeón), Andrés Pazos (piano), Antonio Romeu (contrabaixo), Javier Cedrón (violín), Pablo Salgueiro (percusión) e Begoña Lorenzo (voz). Neste traballo os poemas de Rosalía soarán a ritmo de fado, salsa, vals, xota ou pasadoble.
Con este novo espectáculo, o Teatro Rosalía Castro reafirma a súa aposta polas producións e artistas galegos e consolídase como plataforma para dar a coñecer ao público o traballo que se está creando en Galicia. As entradas están á venda a través das canles habituais a un prezo de entre 8 e 10 euros.











