O Sexto Edificio do Museo acollerá a presentación do libro de Antonio Velasco “Historia de España escrita para mis nietos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedraPontevedra
A-
A+

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o venres 17 de xaneiro a presentación do libro Historia de España escrita para mis nietos, do pontevedrés Antonio Velasco Garrido.

Nesta obra o autor trata de achegar os máis novos ó coñecemento dos principais personaxes e acontecementos da historia de España dunha forma amena, sintética e de fácil lectura.

Antonio Velasco Garrido sinala que se trata dunha “obra non de investigación senón de divulgación”, para que todos os cativos e as cativas de España –e por extensión os maiores– poidan dispor dun texto sinxelo no que ir coñecendo os acontecementos que marcaron este país.

Dividida en 32 capítulos, a obra explica o acontecido desde o establecemento da especie humana na Península Ibérica, que segundo os últimos descubrimentos de Atapuerca data de 1.200.000 anos, ata o reinado de Juan Carlos I, pasando polo descubrimento de América, no ano 1492, ou o rexeitamento da invasión napoleónica na Guerra da Independencia nos albores do século XIX.

Inclúe, ademais, anécdotas, curiosidades e elementos da intrahistoria que axudan a entender cada acontecemento, sen esquecer unha reflexión final sobre cuestións tan de actualidade coma os nacionalismos.

Esta é a primeira obra de divulgación de Antonio Velasco Garrido, un pontevedrés de nacemento –aínda que afincado en Barcelona– que se declara grande amante da historia de España, da que é un moi bo coñecedor.

Foi, precisamente, ese interese o que o levou a iniciar a elaboración da que agora se presenta no Sexto Edificio do Museo, nun acto que terá lugar ás 20:00 horas e que contará coa participación da deputada Ana Isabel Vázquez; do xornalista Pedro Rivas Fontenla; da directora da editorial Cuadernos de Laberinto, Alicia Arés; e do propio autor.

14 de xaneiro de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.