O servizo de teleasistencia domiciliaria de Ferrol atendeu 100 persoas e rexistrou 11.563 intervencións telefónicas
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe aos grupos municipais en comisión informativa da memoria anual do servizo de teleasistencia domiciliaria que se realiza grazas ao convenio asinado entre o Concello de Ferrol e a Cruz Vermella. A Administración ferrolá achegou 26.400 euros para o funcionamento deste servizo. Un total de 104 persoas foron atendidas durante o pasado ano e o perfil maioritario de usuarios responde a mulleres de 80 anos que viven soas.
Esta prestación municipal rexistrou 9.430 alarmas que responden a actividade de seguimento e proba, alertas xeradas polo sistema, comunicación de datos e solicitude de axudas por parte dos usuarios; así mesmo foron 2.133 as accións de axenda que corresponden ao seguimento do servizo dende a central ou alertas de recordatorio de medicación. O servizo de teleasistencia funciona 24 horas ao días os 365 días do ano e o seu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos usuarios. Así mesmo, tamén se desenvolven actividades complementarias cos usuarios de teleasistencia para fomentar a relación entre eles e o seu entorno. Durante o pasado ano se organizaron tres accións: a asistencia á obra de teatro “Bon Apetit” no Teatro Jofre, na que participaron 20 usuarios; unha excursión a San Andrés de Teixido, que contou coa participación de 11 persoas e 4 acompañantes; e unha visita ao Museo do Humor en Fene, na que participaron 18 usuarios.
Orientación e asesoramento ao colectivo inmigrante
Por outra banda, a concelleira Rosa Martínez tamén deu conta do balance anual da Oficina de Inmigración. Este servizo municipal permite recibir información, orientación e asesoramento sobre dereitos e obrigas mediante unha profesional xurídica; garantir a información e a atención básica ás persoas inmigrante na localidade; facilitar o coñecemento da lexislación aplicable a este colectivo, tanto dereitos como deberes; orientación na cumprimentación de documentación para a tramitación de expedientes de regulación de situacións administrativas; e informar sobre os requisitos necesarios para optar a programas, servizos e prestacións (documentación, procedementos…). Un total de 33 persoas -18 mulleres e 15 homes- foron atendidas en canto á tramitación de expedientes, dos cales a maioría responden á solicitude de regularización da súa situación por arraigo laboral -aqueles inmigrantes que acrediten unha permanencia continuada en España durante un período mínimo de dous anos e un contrato laboral non inferior a un ano-, ou arraigo social -para os que acrediten a permanencia en España polo menos por tres anos e conten cun contrato de traballo-. Entre os expedientes tramitados tamén se rexistraron solicitudes de reagrupamento familiar, é dicir, a autorización de residencia temporal que se poderá conceder aos familiares dos estranxeiros residentes en España en virtude do dereito á reagrupamento familiar; a residencia temporal sen realizar actividade laboral; ou para a obtención da nacionalidade española. O perfil maioritario entre os usuarios responde ás seguintes características: muller de entre 25 e 54 anos e con estudos en Educación Primaria. No que atinxe ás nacionalidades por sexos, predominan as mulleres colombianas, seguidas das brasileiras e as cubanas; e os homes senegaleses, marroquís e guineanos.
Cursos de galego e castelá e fomento do asociacionismo
Martínez Beceiro tamén ofreceu datos sobre as diferentes actividades realizadas ao abeiro do “I Plan Local de Inmigración do Concello de Ferrol 2011-2014”. Este proxecto ten como obxectivo conseguir a convivencia en harmonía de tódalas persoas que residan no termo municipal, independentemente de cal sexa o seu lugar de procedencia e atender ás demandas da poboación con necesidades específicas dunha forma eficiente. Un total de 24 persoas inmigrantes -15 mulleres e 9 homes- participaron nos Cursos de alfabetización en lingua galega e castelá, postos en marcha pola Concellería de Benestar Social. No que atinxe á idade dos asistentes, a de maior afluencia foi a comprendida entre os 41 e 50 anos no curso de galego mentres que a franxa de 30 a 40 anos foi a maioritaria no de castelá. Así mesmo, a edil ferrolá lembrou que se levou a cabo o II Concurso de debuxos para nenos e nenas dos Centros Educativos de Infantil e Primaria (CEIP) e o I Concurso de redacción para o alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), no que baixo o lema ¿Que é para ti a inmigración?, os menores participantes representaron temas relacionados coa convivencia intercultural, costumes, usos, vestimentas, folclore, etc., das persoas procedentes doutros países. O Concello de Ferrol tamén fomenta o asociacionismo colaborando con distintas asociacións de inmigrantes da cidade a través da posta a disposición de espazos públicos para levar a cabo as súas actividades relacionadas co asociacionismo e participación pública. Ademais, a Administración ferrolán colabora economicamente a través de convenios de colaboración con entidades que traballan con este colectivo.











