publicidade hoxe

O servizo de mantemento de infraestruturas en Ferrol reparou máis de 1.500 fochancas en viarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente  do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, presentou esta mañá o Plan Municipal de Mantemento Viario para o ano 2014 e tamén realizou un balance sobre o servizo de mellora dos viarios públicos durante o pasado ano. Máis de 1.100 actuacións de aglomerado ou reparación de beirarrúas foron acometidas dentro do Plan de Barrios, posto en marcha polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela. A esta cantidade hai que engadir as máis de 400 intervención de reforzo ao Plan de Barrios acometidas polo servizo municipal de mantemento viario ao longo dos 82 quilómetros cadrados que conforman o municipio ferrolán, tanto na zona urbana como rural. Estes traballos, que responden e teñen en conta as demandas veciñais e os informes técnicos municipais, contaron cunha inversión de 900.000 euros, dos cales 600.000 estiveron destinados ao mantemento de viarios e 300.000 euros ao pintado e sinalización dos mesmos.

Este plan de mantemento viario de 2013 contou con outras actuacións complementarias para a mellora da calidade de vida dos ferroláns. Neste senso, o edil de Servizos sinalou que o investimento do mandato anterior para o pintado e sinalización das rúas ferrolás era de media  de entre 40.000 e 50.000 euros por exercicio, fronte aos 330.000 investidos polo executivo de Rey Varela nos últimos dez meses. Entre as intervencións destacan 68 quilómetros de liñas continuas e descontinuas, 586 prazas de estacionamento, 14 espellos, 38 paneis de zona escolar, 94 prazas de aparcamento para persoas con minusvalías, 251 cedas ao paso, 194 stops, 218 sinais de pasos de cebra ou 295 pasos de cebra. Así mesmo, foron instaladas 567 papeleiras en toda a cidade, das que 176 se instalaron cun deseño específico no barrio da Magdalena, e foron renovados máis de 200 contedores no centro da cidade.

Plan municipal de 2014

Carro Muñoz apuntou que pese ao esforzo económico realizado polo Executivo local a cidade segue contando con fochancas, “pero é un problema que non se pode achacar a este goberno nin tampouco ao anterior, xa que é consecuencia dun abandono e un deterioro continuado no tempo”. O edil ferrolán manifestou que para dar solución a esta problemática, o Concello de Ferrol puxo en marcha este servizo municipal de mantemento viario, “cunha actuación continuada no tempo e cun investimento constante para ir mellorando, paso a paso, o aspecto xeral da nosa  cidade e a calidade de vida dos ferroláns”.

Ao fío disto, o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente explicou que o Goberno Municipal de Ferrol seguirá dándolle prioridade ao mantemento e mellora dos viarios e beirarrúas municipais no ano que vén de comezar. Así, reforzarase o servizo coa posta en funcionamento dunha segunda cuadrilla de traballo, o que permitirá mellorar os tempos de resposta ante as incidencias que xurdan e que serán complementarias ás que se desenvolven dentro do Plan de Barrios. E, ademais, o persoal da cuadrilla municipal tamén realizará intervencións “polo que existe un incremento notable de persoal para o mantemento das nosas rúas e barrios”, sinalou Carro Muñoz.

Outra das medidas adoitadas dentro do plan de 2014, será a habilitación do teléfono de atención cidadá para recoller as demandas veciñais con respecto ao estado dos viarios. Este novo servizo presentarase o vindeiro mes de febreiro e non foi habilitado con anterioridade “porque as necesidades existentes eran moitas; e é agora co reforzamento dos operarios destinados a este servizo cando podemos realmente habilitar un número de atención telefónica, pero non para limitarse so a escoitar as queixas dos veciños e deixalas esquecidas nun caixón. O que queremos e escoitalas e, nun prazo razoable de tempo e se é tecnicamente posible, resolvelas”, dixo o representante do executivo local.

Traballos inmediatos

Carro Muñoz tamén adiantou que, de maneira inmediata, se finalizarán os traballos de reparación de beirarrúas que hoxe mesmo se están levando a cabo na rúa San Salvador, situada no Ensanche; e se dará prioridade pola súa urxencia e por cuestións de seguridade viaria a diferentes actuacións, algunha das mesmas responden tamén a peticións veciñais. O listado destas intervencións é o seguinte:

-Reparación de fochancas e lousas no barrio da Magdalena.

-A rúa Cataluña no cruce coa Estrada de Castela.

-O lateral da Biblioteca Municipal ata o cruce con Roi Xordo.

-Traballos de aglomerado e reparación de beirarrúas na rúa Roi Xordo.

-O tramo do paseo de irmandiños entre o Cantón e o edificio de Correos, na praza de Galicia.

-O pavimento situado na saída da estación de tren.

-O túnel da avenida de Vigo, ao principio e ao final, así como o desvío cara a rúa Sol.

-Un tramo da rúa Souto.

-Actuacións de aglomerado en Alonso López, A Malata e rúas da Terra e Coruña.

-Reposición de vallas de protección na rúa Pérez Parallé e de contención no parque infantil.

Renovación de rúas

Outra das novidades do Plan Municipal de Mantemento Viario do presente exercicio é a posta en marcha dun programa de renovación de rúas na zona urbana e de camiños nas parroquias do rural. Este programa permitirá a realización de grandes asfaltados e así reparar aqueles viarios que requiren dunha intervención de maior envergadura. Este novo servizo suporá un investimento de máis dun millón de euros e estará finalizado con fondos propios e da Deputación Provincial da Coruña.

Por último, volveranse a investir outros 300.000 euros en pintado e sinalización, co obxectivo de continuar o traballo de reposición de sinais verticais, de espellos, de paneis informativos en escolas, de trazado de pasos de cebra, stops e prazas de aparcamentos para minusválidos, entre outros

17 de xaneiro de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.