publicidade hoxe

O servizo de axuda a domicilio de Ortigueira atendeu o pasado ano a un centenar de familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

Un total de 99 unidades familiares beneficiáronse ao longo do 2013 da atención prestada polo Servizo municipal de axuda non fogar (SAF). A pesar da conxuntura económica e o esforzo que leva para as arcas locais, o goberno de Rafael Girón incrementou en máis de 5.000 as horas de atención deste programa  destinado fundamentalmente aos veciños e veciñas en situación de dependencia.

A Concellaría de Benestar Social alcanzou durante o pasado exercicio a barreira do centenar de familias atendidas no marco deste servizo municipal, considerado prioritario polo goberno local pola súa importancia sociosanitaria.

Fiel reflexo deste feito é o considerable aumento experimentado nas horas de  asistencia prestadas. Así, contabilizáronse un total de 30.019 horas  fronte ás 24.649 rexistradas no período inmediatamente anterior.  Isto supón un 18% máis.

O SAF ortegano, xestionado directamente polo concello, é o programa máis relevante de Benestar Social, tanto pola súa contía económica (emprega actualmente a un total de 26 auxiliares) como polos seus destinatarios, algúns dos colectivos máis vulnerables da poboación. Non en balde, emerxen como principais usuarios anciáns con distintos niveis de dependencia, que adoitan superar os 75 anos e que, en moitas ocasións, viven sós.

A través do SAF, o Concello trata de proporcionarlles a posibilidade de continuar no seu fogar mentres sexa posible, asegurándolles unha atención individualizada que repercute na mellora da súa calidade de vida e un apoio a outros membros da súa familia.

A asistencia abarca desde a axuda nas tarefas da vida cotiá como limpeza do fogar e roupa, a actividades de apoio social e afectivo (compañía, hixiene persoal) a atención educativa e psicosocial.

10 de xaneiro de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.