O secretario xeral do PSdeG di que a provincial de Ourense é “libre de achegar a súa visión”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dixo este mércores que a dirección provincial do seu partido en Ourense é “libre de achegar a súa visión” sobre o conflito aberto, pero reafirmouse no expediente disciplinario iniciado contra os concelleiros díscolos.

Despois de que a secretaria de Organización a nivel provincial, María Quintos, anunciase que ela tamén remitiría a Ferraz datos sobre a agrupación e o grupo municipal socialista ourensanos, Besteiro declinou “facer valoracións” ao respecto.

Así as cousas, unicamente dixo que “todo o mundo é libre de achegar a súa información ou a súa visión”, pero deixou claro que “iso non embaza en nada o procedemento que se iniciou”.

“Son unha persoa tolerante, capaz de admitir discrepancias, pero iso non quita nada á decisión do PSdeG en relación co inicio de medidas disciplinarias”, abundou o líder socialista, que tamén rexeitou “prexulgar” se esas medidas levarán consigo a expulsión do partido dos cinco concelleiros díscolos.

Finalmente, negou “inactividade” nesta crise, e defendeu que a “solución” pasa por “iniciar medidas disciplinarias”. “A partir de aí, como se modula a presumible sanción é unha cuestión de orde interna que se fará pública no seu momento”, resolveu.

MOCIÓN DE CENSURA

Preguntado sobre a posibilidade de que o PP –que conta cos mesmos edís que o PSOE– presente unha moción de censura contra o alcalde, á vista da desunión do grupo socialista, o lucense resolveu que “será unha elección do PP”.

“Non me gusta valorar nin interferir nas decisións doutros partidos, será unha decisión que terá que tomar o PP”, engadiu, e rexeitou opinar sobre ese extremo antes de que se concrete.

Finalmente, acerca da situación do seu partido en Ferrol, despois de que a executiva local intente –polo momento, sen éxito– forzar a dimisión da voceiro municipal, Besteiro limitouse a explicar que “se está a abrir un espazo en que se decidirá cál é o futuro de situación”.

29 de xaneiro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.