O Santiago Futsal xa prepara a visita do FC Barcelona Alusport
O Santiago Futsal comezou esta semana a preparar o partido deste venres onde recibe ao FC Barcelona Alusport ás 21h no Multiusos Fontes do Sar. Os de Santi Valladares chegan a este partido en sexta posición con 26 puntos e recibirán ao FC Barcelona Alusport, que é segundo con 41 puntos, sendo o único equipo invicto en Liga.
Nesta 19ª xornada de liga, santiagueses e culés veranse as caras con obxectivos distintos pero coa mesma intención de sumar tres puntos este venres. O Santiago Futsal quere continuar invicto na súa cancha ante a súa afección e recibe ao Barça, que vén de gañarlle ao actual líder da clasificación, Inter Movistar. Ademais, no partido da primeira volta no Palau, os de Santi Valladares a punto estiveron de dar a sorpresa, tras comezar gañando 0-2 e finalmente empatar 2-2.
Tamén foi un empate o último resultado conseguido entre santiagueses e culés na última visita dos de Marc Carmona ao Multiusos a tempada pasada, aínda que foi o Barça o verdugo do Santiago Futsal na pasada Copa de España de Alcalá, onde se impuxeron por 5-2 nas semifinais.
Este partido será Día do Club, polo que todos os abonados (excepto Infantís) deberán retirar a súa entrada para o partido por só 5€. A entrada xeral é de 15€ e para nenos (menores de 13 anos) é de 2€. Ademais, todos os abonados poderán retirar a maiores até 2 entradas a 10€ cada unha (só en venda anticipada até o venres ás 14h).
Desde o club recomendamos a todos os afeccionados que acudan a retirar a súa entrada durante a semana ás oficinas do club no Multiusos Fontes do Sar en horario de 10h a 14h e de 17h a 20h, para evitar colas o mesmo día do partido en despachos de billetes, que abrirán ás 19,30h.
Plan de traballo da semana
Luns 6 de Xaneiro:
Descanso
Martes 7 de Xaneiro:
9,30h – Multiusos Fontes do Sar – Preventivo + Táctico
17h – Multiusos Fontes do Sar – Táctico
Mércores 8 de Xaneiro:
17h – Multiusos Fontes do Sar – Forza rápida + Transferencia + Porteiros
Xoves 9 de Xaneiro:
9,30h – Multiusos Fontes do Sar – Táctico
11,30h – Salga de prensa do Multiusos Fontes do Sar – Rolda de prensa de Santi Valladares
Venres 10 de Xaneiro:
21h – Multiusos Fontes do Sar – J19. Santiago Futsal vs FC Barcelona Alusport
Sábado 11 de Xaneiro:
Descanso
Domingo 12 de Xaneiro:
Descanso











