O Santiago Futsal visita no primeiro partido de 2014 ao Umacon Zaragoza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O persoal do Santiago Futsal puxo rumbo a Zaragoza, onde mañá ás 12h disputará a décimo oitava xornada de liga ante Umacon Zaragoza, co obxectivo de lograr a súa segunda vitoria a domicilio e comezar o ano con boa serie antes do parón.

Os santiagueses, que son sextos con 26 puntos, visitan a cancha de UmaconZaragoza, que é décimo cuarto con 12 puntos, aínda que 10 deles conseguiunos na súa cancha, onde o Santiago Futsal non gaña desde a tempada 07/08. No partido da primeira volta no Multiusos, os de Santi Valladares conseguiron unha cómoda vitoria por 4-1, aínda que son conscientes de que en Zaragoza o partido será ben distinto.

Para o partido de mañá, Santi Valladares seguirá sen poder contar con Mario Costa nin Santi, quedando fóra da convocatoria Pablo Tallón, polo que viaxan a Zaragoza:  David, Barroso, Palomeque, Loito, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Hugo, Raúl (p), Chus, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. Os árbitros do encontro serán Martínez Segovia e Sánchez Molina do colexio castelán-manchego.

Sala de prensa

Santi Valladares compareceu en rolda de prensa onte pola tarde, afirmando que “Zaragoza é un equipo que ten cinco ou seis xogadores de moitísima calidade, que se coñecen moi ben de xogar outras tempadas xuntos, combinado con xogadores máis novos que están a aproveitar a súa oportunidade de xogar en Primeira División. Practica esa defensa zonal que nós xa levamos bastante traballada do último partido ante Manacor, polo que levamos parte do camiño percorrido”.

O técnico santiagués non se fía da posición do seu rival na táboa e asegura que “en casa é un equipo moi forte e de feito o Santiago non conseguiu bos resultados alí. O ano pasado conseguimos un empate, pero é unha cancha que temos bastante atragantada”.

A isto súmalle que só logrou unha vitoria a domicilio, algo ao que Santi Valladares resta importancia, sinalando que “temos que seguir sendo fortes na nosa casa, aínda que evidentemente saímos a gañar todos os partidos, pero o resto de equipos tamén se fan fortes ante a súa xente e saben que estar aí arriba pasa por conseguir puntos en casa. Nós imos a Zaragoza para sumar os 3 puntos e conseguir os mesmos puntos que a estas alturas tiñamos na primeira volta”.

Por último, Santi Valladares espera en Zaragoza un partido “similar ao de aquí da primeira volta, parecido tamén ao de Manacor do outro día. Un partido máis táctico, se cadra non moi vistoso para o espectador, pero o obxectivo é traerse os 3 puntos, independentemente de que o partido sexa máis ou menos bonito, para seguir sumando e ocupar as posicións de aí arriba, que están moi complicadas porque a xente aperta”.  

 

3 de xaneiro de 2014 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.