O Santiago Futsal quere dar a sorpresa ante o Barça

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Mañá venres 10 de Xaneiro dispútase un dos partidos máis esperados da tempada no Multiusos Fontes do Sar, onde a partir das 21h o Santiago Futsal recibe o FC Barcelona Alusport, vixente campión de Liga, Copa de España, Copa do Rei e Supercopa, e un dos grandes favoritos para continuar o legado a presente tempada.

Os santiagueses, que chegan sextos a esta décimo novena xornada de liga con 26 puntos, queren continuar coa boa serie de resultados en casa, onde só cederon un empate, aínda que en fronte terán ao único equipo que non perdeu ningún partido e que se erixe como o mellor visitante da liga, e que ademais vén de roubar a imbatibilidade ao actual líder da clasificación, o Inter Movistar.

Os últimos duelos entre Santiago Futsal e FC Barcelona Alusport caracterizáronse pola intensidade e especialmente a igualdade, a pesar da diferenza de persoais. Esta tempada só se viron as caras no partido da primeira volta, onde os de Santi Valladares a punto estiveron de romper o fortín do Palau tras comezar gañando 0-2, e lograr os culés o empate no último minuto. Tamén a tempada pasada no partido disputado no Multiusos, os santiagueses rozaron a épica tras empatar 1-1 ante o todopoderoso Barça.

O Santiago Futsal sabe da dificultade do seu acometido, por iso esperan que o apoio da súa afección sexa clave para dar a sorpresa ante un Barça que mañá podería contar entre os seus convocados coa súa recente fichaxe do mercado de inverno, o brasileiro Dyego, pendente do transfer que lle permita xogar na LNFS. Os árbitros do encontro serán Do Pozo García e López Jiménez do colexio madrileño.

Sala de prensa

Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou antes do partido que “o Barça é un dos mellores equipos do mundo e teriamos que facer un partido perfecto. No Palau fixemos un partido case perfecto e empatamos. Teriamos que estar moi ben en defensa e ter o acerto necesario en ataque, pero gañarlle ao Barcelona é moi complicado, por algo ninguén lle gañou este ano”.

O técnico santiagués considera que “nós temos que gozar deste partido e aínda que esta non é a nosa Liga, sabemos que xogamos en casa, que en casa o facemos ben, que temos moitas ganas aos grandes e a ver que pasa”.

Tamén falou do momento polo que atravese o seu rival, que vén de gañarlle a Inter Movistar, afirmando que “o Barcelona son 12 grandísimos xogadores e a pesar de que teñen a Lozano que acaba de saír dunha lesión, Torras que non puido ir coa selección e Fernandao que coa selección non xogou case nada, son moi bos e demóstrano sendo o único equipo invicto en liga”.

Por último, Santi Valladares sinalou que “queremos seguir sumando puntos en casa para poder ir cumprindo o noso segundo obxectivo que é clasificarnos para o play-off, independentemente que en fronte teñamos a Barça. Queremos seguir sendo fortes en casa, seguindo ese refacho e tratar de seguir estando aí arriba, porque os de abaixo tamén veñen apertando e este ano non vai estar fácil entrar no play-off”.

Mon Barreiro sancionado con 2 partidos tras su expulsión en Zaragoza

O segundo adestrador do Santiago Futsal, Mon Barreiro, foi sancionado polo Comité Nacional de Fútbol Sala con dous partidos de suspensión tras ser expulsado no último partido ante Umacon Zaragoza, por “dirixirse aos colexiados protestando, despois de ser advertido”.

Mon Barreiro non poderá sentarse no banco no partido de mañá ante FC Barcelona Alusport nin no próximo ante Ríos Renovables Ribeira de Navarra.

Outra información de interese

O atleta compostelán Pedro Nimo será o encargado de realizar o saque de honra antes do partido.

O partido foi declarado  “Día do Club”, polo que os todos os abonados deberán retirar a súa entrada por 5€ (excepto aqueles con carné Infantil que entrarán directamente co seu carné). Ademais, cada abonado poderá retirar a maiores até 2 entradas a 10€ cada unha para acompañante/s (oferta só válida en venda anticipada nas oficinas do club até o venres ás 14h).

As entradas para o partido son: Adulto 15€ e Infantil (menores de 13 anos) 2€.

Recomendamos a todos os afeccionados que, na medida do posible, retiren a súa entrada anticipadamente nas oficinas do club, para evitar colas no despacho de billetes. (Horario oficinas de 10h a 14h e de 17h a 20h. Horario de despachos de billetes: venres a partir das 19,30h).

No descanso do partido realizaranse os sorteos duns cascos estéreo, cortesía de Star Center e dunha cea para dúas persoas no Hotel Oca Porta do Camiño. Ademais, repartiranse 50 invitacións para a Pista de Xeo entre os asistentes ao partido.

9 de xaneiro de 2014 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.