O Santiago Futsal non pode con Ríos Renovables e perde a domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Encontro do Santiago Futsal co Ríos Renovables

Encontro do Santiago Futsal co Ríos Renovables

O Santiago Futsal perdeu 3-1 ante Ríos Renovables e continúa sen despegar fóra de casa, onde os locais souberon aproveitar a vantaxe no marcador. Tras unha primeira parte sen un dominador claro, aínda que cuns Ríos Renovables máis descarado de face a portaría, o Santiago Futsal chegou a ir perdendo 3-0. Na segunda parte, os de Santiago foron un vendaval de ocasións, que só lograron transformar nunha ocasión por medio de David. Os santiagueses pagaron caro as ocasións perdoadas, aínda que manteñen a sexta praza con 26 puntos, empatados co sétimo clasificado.

O partido comezou moi entrecortado cun par de ocasións para os locais que resolveu Juanjo. Barroso foi quen máis se achegou con perigo á portaría defendida por Molina nos primeiros minutos. Aos 6 minutos, o conxunto local xa acumulaba 5 faltas, que soubo manter até o descanso. Sen apenas ocasións para ningunha portaría transcorreron os minutos, até q a falta de 6 minutos, a sexta falta dos santiagueses fixo que Andresito abrise o marcador para os Ríos Renovables. Foi o propio Andresito quen marcou os segundo minutos despois tras un forte disparo desde a frontal da área pondo o 2-0 no marcador. Antes do descanso o Santiago tentou recortar distancias sen éxito, con dúas boas ocasións de David e Palomeque.

Tras o tempo de descanso e en apenas 11 segundos, Charlie marcou o terceiro para os riberos. O duro golpe para os santiagueses fíxoos reaccionar, comezando a xerar moito perigo sobre a portaría de Molina, con numerosas ocasións claras para Quintela, Barroso e mesmo un balón de Loito que se estrelou no pau, pero o balón non quería entrar. Non foi até o minuto 31 cando David logrou recortar distancias tras roubar e bater a Molina por baixo, pondo o 3-1 no marcador. As ocasións seguiron chegando para o Santiago Futsal, a máis clara de Loito tras unha gran aparición de Molina, que se converteu no gran salvador do seu equipo. A 4 minutos do final, Barroso vestiuse de porteiro-xogador e a pesar de que os santiagueses seguiron xerando ocasións clarísimas, non lograron transformar ningunha delas, terminando o partido 3-1.

O persoal do Santiago Futsal terá unha semana de descanso aproveitando o parón pola disputa do Europeo de Bélxica. Retomarán os adestramentos o vindeiro luns día 27 de Xaneiro.

Sala de prensa            

Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou que ”nos primeiros minutos o partido foi igualado, con ningún dos dous equipos sen ocasións claras. Lograron porse por diante, pero tivemos un par de ocasións moi claras para marcar antes do descanso. O gol de Charlie matounos e aínda que despois fomos claros dominadores do partido, de face ao gol estivemos bastante desafortunados, e ademais Molina estivo moi ben”.

Ficha do partido

Ríos Renovables Ribeira Navarra: Molina, Lolo, Rubi, Andresito e Charlie (cinco inicial), Palmas, Luisma, Juni, Álex

Santiago Futsal: Juanjo, David, Barroso, Loito e Diego Quintela (cinco inicial) Hugo, Eloy Vermellas, Hamza, David Pazos e Palomeque

Goles: 1-0 Andresito (min 14), 2-0 Andresito (min 17), 3-0 Charlie (min 21), 3-1 David (min 31)

Árbitros: Alonso Montesinos e Santander Flamarique do colexio aragonés

Amoestacións: Cartón amarelo para Rubi, Andresito, Juni dos Ríos Renovables e para Barroso, Hamza e Loito do Santiago Futsal

Incidencias: Partido correspondente á vixésima xornada de liga, disputado na Polideportivo Cidade de Tudela.

18 de xaneiro de 2014 | 21:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.