O Santiago Futsal espera a mellor entrada da tempada ante o FC Barcelona Alusport

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago Futsal recibe este venres día 10 ao FC Barcelona Alusport ás 21h no Multiusos Fontes do Sar na décimo novena xornada de liga. O Santiago Futsal, un dos mellores equipos en casa xunto co líder Inter Movistar, onde só cedeu un empate ante Burela, recibe ao FC Barcelona Alusport, mellor visitante da liga, que non perdeu ningún partido a domicilio.

Por iso, un fin de semana máis, o Santiago Futsal espera contar co apoio da súa afección para manter a súa cancha invicta ante o todopoderoso FC Barcelona Alusport, un dos grandes favoritos para alzarse con todos os títulos aos que aspira.

Ao ser Día do Club, todos os abonados (non infantís) deberán retirar a súa entrada a 5€, mentres que a entrada xeral para adultos é a 15€ e a infantil a 2€. Os abonados poderán retirar ademais, até dúas entradas máis a 10€ cada unha (só en venda anticipada até o venres ás 14h).

O ritmo de venda das entradas continúa a moi bo ritmo e case un terzo dos abonados acudiron ás oficinas a retirar xa a súa entrada. Ademais, tamén están a se vender moi ben as entradas xerais, polo que se espera unha das mellores entradas da tempada nas bancadas do Multiusos.

Desde o club recomendamos a todos os afeccionados que, na medida do posible, acudan a retirar a súa entrada durante a semana ás oficinas do club, para evitar colas en despacho de billetes o día do partido, que abrirán a partir das 19,30h, especialmente aos abonados, que deben presentar o seu carné para poder retirar a súa entrada.

Pedro Nimo realizará o saque de honra no partido do venres ante FC Barcelona Alusport

O atleta compostelán Pedro Nimo, será o encargado de realizar o saque de honra no partido que o venres día 10 enfronta a Santiago Futsal e FC Barcelona Alusport ás 21 h no Multiúsos Fontes do Sar.

Con este xesto, o Santiago Futsal quere agradecer ao atleta o seu grande apoio durante a campaña de Futsalvación da tempada pasada, na que doou as zapatillas coas que logrou a mínima para os Xogos Olímpicos de Londres 2012 no maratón de Berlín, para ser sorteadas e recadar fondos para salvar o club.

Grande afeccionado do deporte santiagués e en particular do Santiago Futsal, o club quere ademais recoñecer o grande éxito deportivo de Pedro Nimo, un dos mellores deportistas da nosa cidade e do que, como santiagueses, nos sentimos moi orgullosos.

Recoñecida foi a súa recente vitoria na clásica carreira Behobia-San Sebastián, na que o atleta compostelán debutou con vitoria, e marcada polo falecemento dunha atleta, á que Pedro Nimo dedicou a súa vitoria, doando o premio ao noivo da falecida. Entre os seus últimos logros destaca a terceira posición na última edición da Carreira Pedestre Popular de Santiago e o primeiro posto na I San Silvestre de Santiago de Compostela.

8 de xaneiro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.