O Santiago Futsal busca chegar ao parón sumando 3 puntos
O Santiago Futsal viaxa esta mañá rumbo a Tudela, onde mañá ás 18,30h enfrontarase aos Ríos Renovables Ribeira de Navarra na vixésima xornada, a última antes do parón dun mes pola disputa do Europeo de Bélxica pola selección española.
Os de Santi Valladares queren sumar 3 puntos tras dúas xornadas sen facelo, na difícil cancha de Ríos Renovables, que actualmente ocupa a novena posición con 22 puntos, a só dous puntos dos postos de play-off. Pola súa banda, o Santiago Futsal é sexto con 26 puntos, a só 4 puntos dos navarros, polo que será un enfrontamento directo entre dous rivais na loita por estar entre o oito primeiros.
No partido da primeira volta, o resultado foi de 6-2 para os santiagueses, que deron a volta ao marcador tras comezar perdendo. Para o partido de mañá, os de Pato non poderán contar con David, sancionado con catro partidos, mentres que polo Santiago Futsal quedan fóra de convocatoria Pablo Tallón e Santi, polo que viaxan os seguintes xogadores: David, Barroso, Palomeque, Loito, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Hugo, Raúl (p), Chus, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. Os árbitros do encontro son Alonso Montesinos e Santander Flamarique do colexio aragonés.
Sala de prensa
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, compareceu esta mañá en rolda de prensa, falando da urxencia do tres puntos por ambos os equipos, sinalando que “eles tamén buscarán a vitoria, porque se irían ao parón metidos en postos do play-off, porque recortarían tres puntos connosco que somos un rival directo, quedándose a tan só 1 punto, e porque quererán dar á súa afección unha vitoria”.
Con respecto ao perfil de equipo do rival, Santi Valladares considera que “somos dous equipos distintos, non defenden nin atacan igual que nós. Eles teñen un xogo máis de control e pase e nós somos un pouquiño máis directos”.
O técnico santiagués tamén analizou a dificultade da cancha de Ríos na que “a afección aperta moito e axuda moito ao equipo. É unha gran afección, de feito foi catalogada como a mellor de España fai un par de tempadas”.
Santi Valladares apunta as claves para afrontar o partido, sinalando que “temos que darlle un ritmo alto ao partido, xogar con rotacións máis curtas e saber ler moi ben o seu defensa zonal, na que eles teñen xogadores que a interpretan moi ben. Nese sentido, temos que ter moito coidado cos roubos en primeira liña. E despois ter un pouco máis de fortuna de face ao gol, algo que ultimamente estamos carentes, porque aínda que xeramos moitas ocasións, temos que ter máis intensidade e máis acerto”.
Por último, o adestrador do Santiago Futsal apuntou que “necesitamos 3 puntos, levamos dúas xornadas sen puntuar, aínda que somos conscientes de que é unha cancha moi complicada para facelo, pero temos que ir alí a competir e dar o último que temos, para despois ter unha semana de descanso con tres puntos máis”.











