O rexedor de Nigrán informa sobre a revisión da taxa de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O rexedor municipal, Alberto Valverde, traslada o contido do informe elaborado pola empresa responsable da actualización do padrón, en relación á taxa pola recollida de lixo.

Con motivo da entrada en vigor da ordenanza de lixo de 2013 realizouse unha revisión do padrón municipal, co obxecto de adecuar todos os inmobles afectados e geolocalizarlos no arquivo. Con este traballo revisáronse as superficies e os usos, no caso dos locais comerciais, tratando de evitar desta forma agravios comparativos entre os que están a tributar correctamente.

Neste sentido, a actualización do padrón permitiu incorporar 947 novas altas, que até a revisión do mesmo non tributaban. Á súa vez, a revisión do padrón permitiu a modificación de 1.242 rexistros que tributaban incorrectamente, ben porque non estaban dados de alta correctamente ou ben por ter mal asignado o epígrafe, e déronse 165 baixas con respecto ao padrón de 2012.

En total, emitíronse 11.346 recibos, 947 altas grazas á revisión do padrón, 1.242 que sufriron algunha modificación e 9.157 que foron emitidas correctamente.

CADRO RESUMO

Total recibos emitidos

11.346

Altas novas

947

Modificados

1.242

Emisión correcta

9.157

Dentro destes 9.157 que tributaban correctamente, hai 302 locais comerciais que non sofren ningunha modificación, nin de superficie nin de concepto de actividade, polo que só se trasladou os seus epígrafes aos equivalentes de 2014, e o seu resultado é a aplicación da mesma tarifa, cun incremento medio dun 3,5%, consecuencia da aplicación do Plan de Saneamento Económico aprobado en 2009.

Entre os 1.242 que teñen modificación nas tarifas, soamente 249 sofren algunha modificación nos epígrafes, ben por superficie ou por que a actividade estaba asignada de forma incorrecta. Destes 249 inmobles, hai 38 que por aplicarlles ben os seus epígrafes, as novas cotas a pagar son menores que as de 2012, con reducións sobre a taxa que oscilan entre un 10% e un 75%.

Dos 211 locais comerciais restantes, si existe unha subida de cota ao aplicar correctamente a nova ordenanza, pero un incremento producido en maior medida pola aplicación correcta dos epígrafes en concordancia coa actividade comercial desenvolvida, e non pola aplicación da mesma. Máis concretamente, destes 211 locais, 151 rexistran subidas como consecuencia da correcta aplicación do epígrafe e 60 pola aplicación do Plan de Saneamento Económico aprobado polo goberno anterior.

O alcalde informa que contactará un a un con estes 151 afectados para analizar cada caso de forma individualizada, e detectar si houbéseos erros que puidesen ser emendados. Así mesmo, lembra aos interesados que poden porse en contacto por esta cuestión a través do Facebook, do correo electrónico secretariap@nigran.org ou no teléfono 986 38 3930.

PSOE

En canto ao importe da taxa de recollida de lixo da sede do PSOE de Nigrán, e unha vez feito público o recibo da mesma, o rexedor municipal explica o caso. “O partido socialista tiña a sede dada de alta como local comercial de até 50 metros cadrados, pero a actualización do padrón atribúelle unha superficie de 61 metros cadrados, superficie que entra no epígrafe de locais de até 100 metros cadrados, de aí o incremento experimentado”.

Neste sentido, o rexedor municipal lembra ao PSOE que, no caso de que a actualización do padrón detectase algún erro nestes datos, deberá recorrer o recibo e actualizar dita información no padrón, do mesmo xeito que o resto de persoas que se atopen nesta situación. “No caso de que a medición da superficie sexa correcta, o PSOE de Nigrán levaría tributando menos do que pola superficie do local establece a ordenanza nos últimos anos”, apunta.

Terrazas

En relación á proposta que o goberno municipal trasladará ao pleno da corporación o vindeiro xoves sobre a modificación da taxa de espazos públicos, a modificación exposta polo equipo de Valverde, recolle unha rebaixa de até un 13% para as terrazas. Máis concretamente, contempla unha redución dun 10,41% para aquelas localizadas na marxe dereita da Estrada da Vía de Vigo a Baiona, e dun 13,49% para o resto do municipio, polo que os hostaleiros pasarán a pagar 8 e 5 euros mensuais por metro cadrado.

O rexedor municipal desmente as declaracións que tachan de medida demagóxica esta proposta de modificación con feitos. “Establecementos que até a data pagaban trimestralmente 2.859 ou 1.771 euros por metro cadrado pasarían a pagar 2.592 e 1.587 euros respectivamente, o que supón un aforro de 301 e 184 euros ao trimestre”, conclúe.

23 de xaneiro de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.