O rexedor de Ferrol destaca o potencial científico e cultural do campus universitario da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, inaugurou esta mañá o dobre Máster Internacional sobre Materiais Complexos que organizan de maneira conxunta as Universidades da Coruña e París Diderot. No acto de apertura do novo mestrado universitario, o primeiro edil da cidade estivo acompañado pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres; o director da Escola Politécnica Superior, Alberto Ramil; e diferentes coordinadores do máster pertencentes aos dous organismos universitarios.

O rexedor municipal manifestouse orgulloso de que “a nosa cidade poida acoller un dos dous másteres de carácter internacional que promove a Universidade da Coruña”. Rey Varela sinalou que Ferrol “é unha cidade naval, militar pero tamén universitaria”. Neste senso, definiu o campus ferrolán como “novo, preparado e que se está a facer un oco entre os campus galegos e españois”. Así mesmo, o alcalde ferrolán destacou o potencial científico e cultural da institución académica, “que é unha oportunidade nos momentos complexos que vivimos” como fundamental para a futura recuperación económica. “Este é o camiño da internacionalización para constituír proxectos que xeren riqueza” engadiu. Ademais, o primeiro edil da cidade sinalou o importante papel da Universidade da Coruña e do Campus Universitario de Ferrol na achega de  “coñecemento e a innovación”, como eixes fundamentais para o futuro de Ferrol.

24 de xaneiro de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.