O rehabilitado Salón García de Vilagarcía de Arousa recupérase como espazo escénico
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou esta tarde en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o histórico Salón García de Vilagarcía de Arousa que, tras dez anos de inactividade, acaba de ser recuperado como espazo para a exhibición de espectáculos.
O alcalde vilagarcián, Tomás Fole, e a concelleira de Cultura, Rocío Llovo, acompañaron o director da Agadic neste percorrido para comprobar de primeira man o alcance da reforma do salón de actos da Casa da Cultura, coa que se recuperou para a cidadanía este edificio centenario con 130 anos de historia como primeiro local estable de espectáculos en Vilagarcía. A súa reinauguración oficial tivo lugar o pasado mes de novembro cunha fin de semana de programación especial para todos os públicos.
Natureza multifuncional
Durante a súa visita, Jacobo Sutil gabou a rehabilitación impulsada desde o Concello e a Deputación de Pontevedra que, ao tempo que dota o Salón García de modernos equipamentos e das medidas de seguridade e de accesibilidade acordes cos tempos e coa lexislación actuais, mantén a súa fidelidade á natureza multifuncional coa que este escenario abriu a súas portas en 1884 por iniciativa do comerciante e banqueiro Juan García Porto.
Así, o actual Salón García conta cunha capacidade de 220 localidades e cun patio de butacas facilmente desmontables que lle permite recuperar a súa esencia como espazo polivalente e acoller unha programación variada e complementaria á do Auditorio Municipal.
Neste sentido, o director da Agadic trasladoulles aos responsables municipais o seu apoio á hora de que o Salón García se incorpore tamén aos circuítos estables de distribución de espectáculos que a Axencia Galega das Industrias Culturais xestiona en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas de toda Galicia. Na actualidade, Vilagarcía de Arousa é xa un dos concellos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios a través do seu auditorio municipal.











