O refuxio de “Pardo de Atín” en Ferrol atendeu a 321 persoas sen fogar durante o pasado ano
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá sobre o balance do programa de atención a persoas sen teito que se realiza ao abeiro do convenio asinado entre a Administración ferrolá e a Fundación Santo Hospital de Caridade. Este servizo permite garantir a cobertura das necesidades básicas relativas ao aseo persoal, manutención e pernocta ás persoas que chegan a Ferrol. O refuxio ”Pardo de Atín” conta con 42 prazas, das cales tres están reservadas ao Concello para as persoas que poidan ser derivadas directamente dende a Concellería de Benestar Social, a Policía Local ou o Servizo de Urxencias Sociais.
Este servizo, que todos os días do ano proporciona cama, comida, aseo e roupa a persoas sen fogar, acolleu 12.594 estancias ao longo do pasado ano. Un total de 321 persoas foron atendidas nas instalacións de “Pardo de Atín”, das cales o 77% eran españois seguidos por usuarios procedentes de países da Unión Europea que representan o 12% do total. Así mesmo, o perfil de usuario dependendo do sexo é maioritariamente varóns (só recorren ao refuxio un 8% de mulleres); e a idade con maior presenza está comprendida entre os 43 e 52 anos, seguida pola franxa de 53 a 62 anos.











