O recibimento ao Celta e o apoio no partido demostraron a gran afección celeste
O Real Club Celta quere agradecer a penas, abonados e afeccionados, a organizadores e participantes, o espectacular recibimento que ofreceron ao equipo á súa chegada ao Estadio de Balaídos. Esta calorosa mostra de apoio, que tivo continuidade despois durante o partido, foi sen dúbida un dos alicerces da remontada ante o Real Betis.
O club, persoal e corpo técnico queren expresar a súa gratitude por esta gran demostración de celtismo nun partido de enorme importancia e polo esforzo realizado polos organizadores e participantes do recibimento, nun horario complicado, para trasladar aos celestes un apoio vital para alcanzar o obxectivo da permanencia.
Este ánimo foi tamén determinante durante o encontro, en especial tras o primeiro gol do equipo rival, un momento delicado que os celestes superaron co empuxe da gran maioría da afección que acudiu ao estadio de Balaídos, que mesmo acalou a unha minoría que negou o seu apoio de maneira explícita.
O club sente plenamente orgulloso unha vez máis do exemplar comportamento da súa afección, que entendeu a importancia do partido e empuxou ao equipo sen desmaio cara á vitoria. Independentemente do que ocorra no terreo de xogo, mentres o partido estea a disputarse, o apoio da bancada ao equipo, a todos e a cada un dos xogadores que visten a camiseta celeste, é absolutamente vital. Este respaldo foi o aceno de identidade da afección celeste nas últimas tempadas, un factor crave para a consecución dos obxectivos e que tamén será clave no futuro.











