O PSOE e o BNG de Vigo esixen manter o mapa sanitario
Os grupos municipais do PSOE e do BNG aprobaron unha moción (que foi votada en contra polo PP) na que instan á Xunta a manter o mapa sanitario actual, e reclámanlle recursos para reducir as listas de espera e para que Vigo siga sendo área de referencia para as provincias de Ourense e Pontevedra.
A tenente de alcalde, Carmela Silva, denunciou que a reorganización anunciada polo goberno galego fíxose “con nocturnidade e aleivosía, atacando de novo a Vigo”. “É unha nova ultraxe”, sinalou, e advertiu de que “miles de persoas sairán á rúa” para oporse a esa decisión, que implicará unha “detracción presupostos e de alta tecnoloxía”.
O concelleiro do BNG, Santiago Domínguez, apuntou a “razóns ideolóxicas” para redeseñar o mapa sanitario, e sinalou que a intención da Xunta é reducir a atención pública en Vigo “para que o novo hospital privado sexa máis rendible para a empresa que o xestionará”. O seu grupo presentou unha emenda, aceptada polos socialistas, para reclamar á Xunta recursos para reducir as listas de espera.
Pola súa banda, a concelleira do PP, Teresa Cendón, subliñou que a redistribución de pacientes pretende “garantir a equidad”, e asegurou que “non haberá recorte de orzamentos”. “Imos pelexar porque haxa novas referencias para Vigo, pero non imos entrar en pelexas norte-sur”, concluíu.
A moción, incluída a emenda do BNG, foi aprobada cos votos favorables de PSOE e BNG, máis o voto de calidade do alcalde, mentres que o PP votou en contra.











