O próximo obradoiro de emprego en Vilagarcia de Arousa prevé formar a 45 parados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou na reunión semanal celebrada hoxe o proxecto dun novo Obradoiro de Emprego para formar a 45 desempregados a partir do mes de setembro. Acordouse igualmente solicitar á Consellería de Traballo e Benestar unha subvención de 398.036 euros para desenvolver este programa formativo e de reinserción laboral ao que o Concello aportará 12.300 euros. Outros dos asuntos tramitados polo órgano de goberno foron as concesións de 24 Axudas de Emerxencia Social e o pago de 78.000 euros en facturas.

Tal como se anunciaran a semana pasada o alcalde e a concelleira de Traballo durante a visita da conselleira de Traballo e Benestar ao Obradoiro de Emprego Vista Alegre II, o Concello concorrerá á nova convocatoria da administración autonómica para optar a unha terceira edición deste programa formativo e de reinserción laboral para desempregados. A Xunta Local de Goberno aprobou esta mañá o proxecto deseñado dende a Concellería de Formación e Emprego que inclúe tres especialidades elixidas tendo en conta os nichos de emprego existentes na zona e as necesidades municipais. Por iso, os módulos abordan profesións moi diferentes.

O primeiro é o de atención socio sanitaria a domicilio, especializada no coidado de persoas con discapacidade. O segundo formará aos alumnos en Confección e publicación de páxinas web e o último será o de carpintería e moble.

O Obradoiro de Emprego solicitado ten unha duración de seis meses e está dirixido a desempregados maiores de 18 anos que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. O programa ofrece aos participantes a posibilidade de recibir unha formación en alternancia do traballo e a práctica laboral. Estas prácticas materializaranse en diferentes traballos de utilidade colectiva como obras e o desenvolvemento de accións no Concello no caso dos módulos de carpintería e creación de webs, e en colaboración coas entidades sociais sen ánimo de lucro do municipio, no caso da atención socio sanitaria a persoas con discapacidade. Os beneficiarios recibirán o salario mínimo interprofesional durante os seis meses que dura o programa e para o cal serán contratados mediante a modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe.

Outros dos asuntos abordados pola Xunta Local de Goberno esta mañá foi a concesión de Axudas de Emerxencia Social. O número de solicitudes aprobadas esta semana ascendeu a 24.

Aproban o pago das axudas municipais para a compra de material escolar

Tamén como é costume, o órgano de goberno dou o visto bo a varias obrigas de pago de diversa índole, sumando unha cifra total de 250.405 euros. Desta suma, 78.405 euros corresponden a facturas, mentres que 7.000 son para o pago das axudas municipais para a compra de material escolar para os dous ciclos de Educación Infantil e que se financian a través das concellerías de Educación e de Servizos Sociais. Os restantes 165.000 euros responden á achega municipal á Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais para o sostemento de gastos do ano 2013.

610.000 euros para tres obras

O último dos asuntos a destacar da Xunta Local de Goberno de hoxe foi a toma de coñecemento das resolucións emitidas pola Deputación Provincial de Pontevedra confirmando a concesión de subvencións por importe de 610.000 euros para a realización de diversas actuacións no municipio. O primeiro proxecto a realizar con estes fondos é o das obras de remodelación do pavillón de deportes de Castelao presupostado en 144.000 euros e que, segundo puido confirmar o alcalde na reunión que mantivo onte co presidente provincial para axilizar actuacións pendentes, levarase a cabo de forma inminente.

Tamén se comezará en breve a segunda fase de renovación da zona infantil do Parque da Xunqueira que, cun orzamento de 66.000 euros, prevé a substitución dos elementos de xogo e a instalación de pavimento sintético no recinto dos mais cativos. Será unha actuación similar á levada a cabo en verán na zona de xogos dos nenos de máis idade.

E por último, e cun orzamento de 400.000 euros, o Concello poderá acometer a remodelación e acondicionamento integral do Parque da Xunqueira, proxecto no que se prevé substituír o deteriorado pavimento do paseo central e acometer outras melloras.

31 de xaneiro de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.