O proxecto AGROTOOL desenvolverá unha ferramenta low cost para facilitar a agricultura de precisión
O xerente de Grupo Austen, Felipe Sas Río, xunto ao director financeiro da firma, Ramón Sas; o responsable do departamento de I+D da empresa, Alejandro Casteleiro, e a enxeñeira María Rodríguez, presentaron esta mañá AGROTOOL. Un proxecto que contribuirá á modernización do campo galego a través da innovación, xa que ofrecerá unha ferramenta low cost para facilitar a agricultura de precisión ao agricultor galego. Non só iso, tamén permitirá afrontar con garantías o proceso de internacionalización das solucións smart para agricultura que desenvolveu a empresa ferrolá.
De feito, Felipe Sas explicou esta mañá que AGROTOOL supón unha evolución natural de Sega System –sistema intelixente de xestión agrícola desenvolvido polo seu grupo. Sas lembrou que Sega permite controlar as plantacións desde o móbil ou computador, xa que mide parámetros como humidade, temperatura… tantos como desexe o propietario da explotación. Deste xeito, pódense adaptar os consumos de auga, fitosanitarios, fertilizantes… ás necesidades do cultivo. Non só iso, o sistema envía cada cinco minutos información ao agricultor e alertas no caso de risco de enfermidades, co que permite anticipar solucións. Vantaxes? Afórranse custos e mellórase a calidade do produto.
Agora, Grupo Austen desenvolverá AGROTOOL, unha fase avanzada de Sega adaptada á estrutura minifundista do campo galego. Diferenzas? AGROTOOL mellorará Sega System en tres aspectos. Primeiro: reducirá os seus custos, facilitando a adquisición ao agricultor galego –minifundista e, por tanto, con menor marxe de beneficio e posibilidades de investimento. Segundo: incorporará o autorreconocimiento de sensores –tecnoloxía Plug&Play– e deseñará unha ferramenta moito máis intuitiva e de fácil manexo para o agricultor. Terceiro: permitirá a programación en remoto do software. Neste último caso, evitará que os técnicos se teñan que desprazar fisicamente aos puntos nos que se instalen as estacións de AGROTOOL cando sexa preciso incorporar novos parámetros de medición. E, deste xeito, facilitarase a comercialización do produto máis aló das fronteiras nacionais.
Grupo Austen, líder do proxecto AGROTOOL, non está só neste reto, xa que lle acompañan as empresas Plexus (A Coruña) e CualiTic (Santiago); o Instituto Tecnolóxico de Galicia, e a Cooperativa Vos Irmandiños, unha das de maior peso na Comunidade galega. A Axencia Galega de Innovación, dependente da Xunta de Galicia, confirmaba o pasado mes o seu respaldo á iniciativa concedéndolle unha subvención de 300.000 euros a través dos Programas Conecta Peme 2013. En total, o proxecto conta cuns orzamentos duns 653.000 euros, que cofinanciarán –á marxe de axudas– o tres empresas implicadas.
Tecnoloxía WSN
Ramón Sas prevé que en xuño se testen as primeiras estacións AGROTOOL, aínda que o prazo temporal do proxecto remata en 2015. Será unha ferramenta baseada na tecnoloxía WSN facilmente integrable nos sistemas de xestión xa existentes nas pemes agrícolas; fácil instalación; gran resolución espacial e temporal na mostraxe das variables de interese; que soporte un elevado número de sensores heteroxéneos e que oculte a heteroxeneidade das redes de sensores subxacentes, as súas comunicacións específicas e os seus compoñentes hardware das aplicacións construídas sobre elas e, sobre todo, de moi sinxelo manexo.
O papel dos Irmandiños
Neste proxecto, Os Irmandiños, unha das cooperativas agroalimentarias máis grandes de Galicia e con presenza tamén en Asturias, xogará tamén un papel relevante. Así, ofrecerá apoio externo ao proxecto como usuario potencial da solución. Realizará un seguimento das accións e resultados, exporá necesidades e, entre outros, cederá instalacións e explotacións para realizar pilotos demostrativos. Así mesmo, contémplase realizar a transferencia tecnolóxica ao sector, a través de accións de formación e difusión.











