O programa lalinense de formación para o emprego 2013 ofreceu posibilidades de inserción laboral a 127 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O curso AFD de instalación de elementos de carpintería capacitou aos 15 participantes na realización de operación de planificación, montaxe, axuste e acabado das instalación de elementos de carpintería que incluíu ademais un módulo de prácticas profesionais en empresas; o programa integrado “Lalín Inserta” formou a 75 persoas en enerxías renovables, forestal, novas tecnoloxías e técnicas e busca de emprego e 37 persoas están a tomar parte nas probas de competencias clave que desde outubro e ata o vindeiro mes de xullo se desenvolverán para obter o certificado de competencias clave necesarias para acceder aos cursos de cualificación profesional

A Concellería de Emprego do Concello de Lalín que dirixe María José Batán desenvolve anualmente un programa municipal de formación ocupacional, na aposta polas políticas activas de emprego, como vía fundamental para conseguir un incremento das competencias profesionais, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desempregados.

O dito programa de formación para o emprego está vinculado ás distintas convocatorias anuais de subvencións da Consellería de Traballo e Benestar dos programas dirixidos á formación profesional para o emprego, aos que pode concorrer o Concello. No ano 2013 foron: curso AFD (Acciones Formativas dirixidas prioritariamente ás persoas desempregadas), programas integrados (Lalín Inserta 2012-2013) e obradoiros de emprego como o no que están a participar 20 persoas desde finais de outubro e ata mediados de abril.

As anteriores accións formativas compleméntanse con accións planificadas con fondos propios dirixidas á adquisición de capacidades, competencias e requisitos cara á inserción como preparación de probas de competencia clave, busca de emprego 2.0. entre outras.

Deste xeito, en 2013 desenvolveuse un curso AFD de instalación de elementos de carpintería: o programa integrado “Lalín Inserta 2012-2013” cun módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas e un programa de formación de probas de competencias clave, explica a concelleira de Emprego, María José Batán

CURSO DE CARPINTERÍA
Batán sinala que o dito curso de instalación de elementos de carpintería contou cunha subvención da Consellería de Traballo de 65.813,90 euros. Cunha duración de 578 horas, desenvolveuse do 9 de xullo ao 27 de novembro en el participaron 15 alumnos.

A dita acción formativa estivo distribuída en: catro módulos formativos de 420 horas de duración; un módulo de prácticas profesionais non laborais de 80 horas e tres módulos transversais: de riscos laborais (60 horas), formación para a igualdade (8 horas) e inserción e sensibilización laboral (10 horas).

O curso capacitou aos participantes na realización das operacións de planificación, montaxe, axuste e acabado das instalacións de elementos de carpintería (portas, fiestras, revestimentos, armarios, estruturas de madeira, etc.).

PRÁCTICAS PROFESIONAIS
María José Batán explicou que “neste ano 2013 tamén desenvolvemos dentro deste curso AFD prácticas profesionais non laborais en empresas nas que tomaron parte un total de 8 alumnos e colaboraron no seu desenvolvemento cinco empresas do sector do Concello, coas que se asinou o correspondente convenio”. Todos os alumnos participantes foron aptos neste módulo de prácticas logo da valoración realizada pola propia empresa e o titor das prácticas.

A valoración xeral do curso por parte do alumnado foi moi positiva, a través dun informe de avaliación da calidade realizada por unha empresa externa, obtendo unha puntuación de 3,45 sobre 4. Nela valoráronse aspectos como a duración do curso, as datas de desenvolvemento, os horarios, etc.

“LALÍN INSERTA”
A responsable municipal salienta que “o programa integrado Lalín Inserta abrangueu máis de 500 horas de formación impartidas nas áreas de comercio, enerxías renovables, forestal, novas tecnoloxías e técnicas de busca de emprego que permitiron mellorar a empregabilidade de 75 lalinenses”.

O programa de formación ocupacional do Concello de Lalín en 2013 completouse coas probas de competencias clave, nas que participan 37 persoas, que se están a desenvolver desde outubro pasado co obxectivo de preparar aos participantes para obter o certificado de competencias clave de nivel 2 necesarias para acceder aos cursos de cualificación profesional, precisa Batán. O programa seguirá en funcionamento ata a realización das probas no próximo mes de xullo.

Por último, María José Batán anuncia que “ao longo deste mes de xaneiro estamos a realizar un estudo de inserción laboral dos participantes nas accións formativas realizadas no pasado ano e planificando a programación formativa para este ano 2014”.

17 de xaneiro de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.