O presidente da CEP visita o porto de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedra
A-
A+
Luis Novoa na visita ao porto de Marín

Luis Novoa na visita ao porto de Marín

Luís Novoa Díaz, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) realizou esta mañá a súa primeira visita oficial ao Porto de Marín, tras ser elixido o pasado mes de decembro como o máximo representante dos empresarios da provincia. Estivo acompañado por membros da súa directiva e de AEMPE (Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra).

O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, recibiu aos directivos destas organizacións empresariais e expúxolles as grandes liñas de traballo do Porto de Marín, así como as principais previsións para 2014.

Tras coñecer o balance dos últimos exercicios, o presidente da Confederación valorou moi positivamente a xestión da Autoridade Portuaria de Marín e destacou que este ano hai boas perspectivas. “Tanto a baixada de prezos como a modernización e mellora dos servizos contribuíron a que o Porto de Marín creza e captado maior volume de traballo nos últimos anos”,  apuntou. Ademais, engadiu Novoa Díaz, está a traballarse para potenciar a conexión ferroviaria, servizo que as empresas valoran notablemente.

Suárez Costa aproveitou para trasladarlle a Luís Novoa o seu interese en que a construción de dúas floteles de Pemex en Galicia e, especialmente, o adxudicado ao estaleiro Barreiras, poida contar coa importante industria auxiliar do naval que está asentada no Porto de Marín e na que traballan máis de 250 persoas. Neste sentido, entregoulle ao presidente da CEP unha relación de talleres e empresas de Marín especializadas na construción e reparación naval co obxectivo de que os floteles poidan xerar carga de traballo tamén na comarca. O presidente da CEP, pola súa banda, expresou a súa total disposición para colaborar cos responsables do Porto de Marín na promoción da terminal.

30 de xaneiro de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.