O Polivalente de Brión acolle o concerto “Rosas para Galicia”, con música e poesía a cargo do Dúo Rosas
O centro social polivalente de Brión acollerá este sábado 4 de xaneiro, a partir das 17:30 horas, o concerto “Rosas para Galicia”, unha mestura de música e poesías galegas a cargo do Dúo Rosas, da asociación cultural Brigantia (Ferrol). Un concerto de entrada totalmente libre e de balde.
“Rosas para Galicia” é unha montaxe audiovisual e musical baseada na música popular galega e de autor versionada para os seus instrumentos: a bandurria e a guitarra. No escenario do polivalente brionés actuarán Julia María Dopico Vale (bandurria) e Pedro Fidel Gómez (guitarra), que contarán coa colaboración de José Luís Mera, licenciado en Música-Piano e Linguaxe Musical, para a lectura poética.
Monicreques
Por outra banda, mañá venres 3 de xaneiro clausurarase o XVIII Festival de Títeres de Brión coa actuación de Títeres Fantoches Baj, que representarán “Fábula galénica”. A actuación terá lugar ás 17:00 horas no centro social polivalente e está dirixido a toda a familia. A entrada é libre e de balde.
“Fábula galénica” é unha obra na que monicreques de luva interpretan unha divertida historia baseada nun texto do mesmo nome editado por Bahía Edicións, 2011, galardoado co VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de títeres na modalidade infantil que outorga a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) durante a Feira Galega de Artes escénicas.











