O polideportivo da Malata acollerá o XV Trofeo de Judo Cidade de Ferrol
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe a nova edición do Trofeo de Judo Concello de Ferrol, que se disputará o vindeiro domingo, día 2 de febreiro, no polideportivo municipal da Malata. Esta competición, alcanza este ano a súa decimo quinta edición e está patrocinada pola Administración municipal e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. No acto de presentación, a edil ferrolá estivo acompañada polo delegado comarcal da Federación Galega de Judo, Francisco Martínez.
No que atinxe á participación, Martínez Galdós informou de que están inscritos un total de 160 judocas, 115 en categoría masculina e o resto, 45, en feminina. “Con este campionato intentamos difundir, promover e consolidar este deporte olímpico de gran tradición en Ferrol e que nos ten dado moitas satisfaccións”, manifestou a titular de Deportes. O “XV Trofeo de Judo Concello de Ferrol” servirá para que os primeiros clasificados obteñan praza directa para a participación no sector do Campionato de España na categoría sub-23, que se desenvolverá o vindeiro mes de marzo. “Dende a Concellería de Deportes damos os parabéns por anticipado porque non temos a menor dúbida de que esta edición será un éxito como en anteriores ocasións”, sinalou Martínez Galdós.
Participantes da zona
Pola súa banda, Francisco Martínez quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol. Así, o responsable federativo detallou que participarán dez judocas da zona, pertencentes aos clubs Bitácora e Ferrolterra. Máis polo miúdo, a relación de deportistas e clubs participantes é a seguinte:
Bitácora:
-Roi Rey Sánchez (-60)
-Tomás Mucientes Sisto (-66)
-Adrián Mucientes Sisto (-73)
-Ginés Martínez Vázquez (-73)
-Alén Daniel Porto Figueroa (-90)
-Sergio Trillo Valeiro (-100)
Ferrolterra:
-Adrián Seco Fontecoba (-66)
-Moisés Rodríguez Domínguez (-66)
-Pablo Díaz Combarros (-73)
-Alba González de Bernardo (-70)











