O pleno de Vigo aproba o investimento dos 6 millóns do superávit

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

O pleno do Concello de Vigo reuniuse este xoves en sesión extraordinaria cun único punto na orde do día, a modificación orzamentaria que permitirá investir case 6 millóns de euros do superávit correspondente ao ano 2012.

A modificación, aprobada cos votos favorables do PSOE e do PP, e coa abstención do BNG, permitirá realizar obras como reformas no estadio de Balaídos, melloras en varias parroquias, actuacións noutras instalacións deportivas, ou melloras na accesibilidade dos colexios públicos da cidade.

A tenente de alcalde, Carmela Silva, foi a encargada de defender a modificación e o plan de investimentos por parte do goberno local, e lembrou que esta medida é posible grazas á boa xestión económica do equipo de Caballero. “Temos unhas contas públicas saneadas e, sobre todo, controladas”, recalcou, e engadiu que, grazas a que Vigo “cumpre como ningún outro concello” os requisitos que prevé a lei, poderanse facer eses investimentos.

O grupo municipal do PP deu o seu voto favorable á modificación orzamentaria “por coherencia e responsabilidade”, porque as actuacións previstas “son obras necesarias e recollen algunhas das propostas” que fixeron os concelleiros populares.

No entanto, o concelleiro Miguel Fidalgo, lembrou que este plan de investimentos é un “parche” ante a “nefasta xestión” do alcalde, porque aínda non se presentaron os orzamentos de 2014, que é “o que Vigo necesita”.

BNG

Na mesma liña, a portavoz do BNG, Iolanda Veloso, xustificou a abstención do seu grupo alegando que os investimentos previstos con ese superávit “non bastan”. “O que teriamos que estar a aprobar son os orzamentos de 2014, porque hai necesidades dos cidadáns que van máis aló deses investimentos”, proclamou.

A ese respecto, Veloso criticou que o goberno local non se esforce en achegar os recursos públicos ás persoas que máis o necesitan, e sacou a relucir a negativa do goberno local a debater as ordenanzas ou a posibilidade de que os parados de longa duración teñan un bonobús gratuíto. “Aquí apróbanse subvencións a billetes de avión, pero non de autobús”, denunciou.

Finalmente, a edila nacionalista reprochou ao grupo de goberno que teña un “compromiso de colaboración” co PP, do que aceptaron unha emenda sobre o campo de fútbol da ETEA.

FAVEC

No pleno extraordinario deste xoves estiveron presentes, entre o público, representantes da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec), que denuncian que o Concello non fixo efectivo o pago das subvencións acordadas e que ningún responsable municipal quere recibirlles. Nalgún momento do pleno interromperon a intervención de Carmela Silva con berros de “Favec solución”.

O concelleiro do PP, Miguel Fidalgo, reclamou ao goberno municipal que se reunise cos responsables da organización veciñal, nunha situación crítica, sen recursos económicos, con monitores sen cobrar, etc. Pola súa banda, a tenente de alcalde, Carmela Silva, replicou aos representantes da Favec que “hai que cumprir as leis” e entregar a documentación que os funcionarios do Concello “reiteradamente reclámanlle.

23 de xaneiro de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.