O pleno de Teo votará sobre a declaración do 24 de febreiro como Día de Rosalía
A corporación teense reúnese este xoves 30 de xaneiro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.
Durante a sesión comparecerá o alcalde de Teo, Martiño Noriega, en referencia ó expediente do Centro Sociocultural Transportable dos Tilos, a petición do grupo socialista. Ademais debateranse varias propostas dos grupos entre as que destacan a moción do BNG de declarar o 24 de febreiro como o día de Rosalía ou a proposta, tamén do Bloque, para garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos.
A orde do día ten os seguintes puntos:
- Aprobación das actas das sesións do 28.11.2013 e 23.12.2013.
- Dar conta das resolucións da alcaldía (da 1053/13 á 1099/13 e da 01/14 á 66/14).
- Comparecencia diante do pleno do alcalde do Concello de Teo, D. Martiño Noriega Sánchez, en referencia ó expediente do Centro Sociocultural Transportable.
- Ditame da moción do grupo municipal do BNG para declarar o 24 de febreiro día de Rosalía e realizar actividades que promovan o coñecemento da súa obra e do seu compromiso vital.
- Ditame da moción do grupo municipal do BNG para declarar Teo vila libre de circos con animais.
- Ditame da moción do grupo municipal do BNG para garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos.
- Ditame da moción do grupo municipal do PP para o aumento da plantilla da policía local.
- Ditame da moción do grupo municipal do BNG contra a suba nas retribucións das persoas autónomas e pequenas empresas.
- Mocións.
- Rogos e preguntas.











