O pleno de Lousame aprobará mañá a creación da súa sede electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O pleno municipal de Lousame reunirase mañá xoves 23 de xaneiro, ás 20:30 horas, para aprobar a creación da sede electrónica do Concello de Lousame e da correspondente Ordenanza Municipal de Administración Electrónica. Unha iniciativa coa que o Concello de Lousame pretende achegar a Administración aos veciños e veciñas a través de medios telemáticos.

A sede electrónica municipal estará dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuíta e permanente, dándolles acceso directo a diversos servizos: presentación telemática de solicitudes, formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente, acceso no seu caso á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático, publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, etc. Así mesmo, o pleno tamén debaterá a delegación da xestión e administración desta sede electrónica na Deputación da Coruña, para o cal o Concello de Lousame deberá adherirse ao convenio marco de colaboración da entidade provincial.

Orde do día

O pleno terá lugar de acordo coa seguinte Orde do Día:

1-Aprobación do borrador da acta da sesión anterior

2-Creación e delegación da xestión da sede electrónica do Concello de Lousame na Deputación Provincial da Coruña

3-Aprobación inicial do regulamento da Administración Electrónica do Concello de Lousame

4-Mocións do PSOE sobre o anteproxecto de Lei Orgánica para a revisión da lexislación sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo

5-Dar conta de resolucións da Alcaldía

6-Rogos e preguntas

22 de xaneiro de 2014 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.